López Sández: "O noso pensamento da paisaxe móvese pola emoción"

A ensaísta de Lugo entra na RAG cunha exaltación da importancia do territorio que revelou desde a súa cidade natal a Xeración dos 50

María López Sández designou o Círculo de las Artes para a solemnidade do seu ingreso como académica na Real Academia Galega. Quixo que o espazo fose en Lugo pola xeración lucense de ensaístas dos anos 50 e polos seus antecesores chairegos na cadeira. Tamén, claro, por ser Lugo a cidade onde naceu en 1973 e na que pasou o primeiro tramo da vida.

No recibidor ao Salón Regio, os organizadores colocaron un cesto longo de vimbio marrón cheo de prímulas, violetas e narcisos, unha harmonía de amarelos e morados. Lembraba a paisaxe de Galicia, tema elixido pola profesora da USC e escritora. "Moitas, detrás de Otero Pedrayo, detrás de Celestino Fernández de la Vega, de Rof Carballo e do conxunto da Xeración dos 50, seguimos achegándonos ao pensamento arredor da paisaxe", expuxo antes de situar a Rosalía de Castro e Otero Pedrayo como precursores, que fixeron reflexións das que se valeron para elaborar "unha obra coral que ten o seu epicentro na paisaxe".

Máis aló "dos formatos académicos", epígonos como ela pensaron movidos "polo mesmo engado que nos chama desde un misterio último e íntimo do que abrolla a nosa emoción da terra, da paisaxe, que se revela na linguaxe poética e na construción literaria".

Considerou a sentenza de Ánxel Fole, de que "a literatura galega sen paisaxe sería unha literatura desgaleguizada" para facer un percorrido con ton de homenaxe a Darío Xohán Cabana, que sentou no lugar onde sentará ela e na que antes sentara Manuel María.

Cabana foi "o primeiro escritor ao que teño conciencia de ter posto face e corpo", ao velo na Praza Maior de Lugo pouco despois de lerlle Galván en Saor. Desa novela valoraría "o coidado na conformación espacial e no simbolismo da flora e da fauna". Empregou a súa cita: "O mundo é un carballo".

No Lugo dos 50 confluíu unha constelación de figuras que empregaron unha estratexia cultural para garantiren a pervivencia da lingua"

A intervención continuou relacionando terra e discurso na obra do chairego, "cunha explícita ancoraxe na historia e a identidade de Galicia, cunha clara dimensión alegórica e utópica, por unha conxugación dos eixos pasado-futuro, que serve para procurar no pasado o xermolo do que aínda podemos ser", porque "ese encontro de tempos e xeografías" que "fai máis grande o galego".

A vida do idioma durante séculos sen cultivo escrito dependeu de persoeiros concretos. A docente e novelista elevou o valor da oratoria coma arma de oposición á ditadura a través da figura de Otero Pedrayo, que valora como o noso maior filósofo da paisaxe. A consecuencia foi que "no Lugo dos 50 confluíu unha constelación de figuras que empregaron unha estratexia cultural para garantiren a pervivencia da lingua", subliñou.

Comentarios