Domingo. 16.12.2018 |
El tiempo
Domingo. 16.12.2018
El tiempo

Unha longa feminista da luguesa Xiana do Teixeiro, a liza en Documental Madrid

Fotograma de 'Tódalas mulleres que coñezo'. WALKIE TALKIE FILMS
Fotograma de 'Tódalas mulleres que coñezo'. WALKIE TALKIE FILMS

'Tódalas mulleres que coñezo' é un proxecto filmado en Lugo e Ourense sobre experiencias de acoso e violencia sexista no espazo público

Cinco amigas conversan no centro histórico de Lugo. Unha delas narra un episodio de acoso sexista na rúa do que foi obxecto. É un fío do que tiran todas as demais. Cada unha ten o seu relato, a súa experiencia, máis ou menos violenta, máis ou menos cotianizada. Desta idea nace Tódalas mulleres que coñezo, unha longamentaxe da realizadora luguesa Xiana do Teixeiro que competirá en maio no festival Documenta Madrid. 

Xiana do Teixeiro explica que a idea naceu hai moitos anos e que estivo en barbeito ata unha charla que mantivo con outras dúas mulleres á saída do festival S8 da Coruña. "Todas as mulleres que coñezo, as miñas amigas do instituto de Lugo, as da universidade, téñenme contado algunha vez unha historia semellante".

Coa súa película, gravada no outono de 2017 en Lugo e Ourense e cun equipo cen por cento feminino, a directora quixo construír un espazo de sororidade. "A parte principal do filme é esa charla, nun espazo seguro, de cinco mulleres que son amigas, na que eu tamén participo como unha personaxe máis. Deilles unhas pautas, pero a idea era que as historias fluísen, que un relato levase a unha relexión... con naturalidade". Lembra Do Teixeiro que as palabras saíron "coa bágoa asomando no rabiño do ollo, pero tamén entre grandes gargalladas".

As palabras saíron coa bágoa asomando no rabiño do ollo, pero tamén entre grandes gargalladas

A segunda parte da cinta, tamén filmada en Lugo, consiste nos comentarios críticos que outro grupo de mulleres —de idades máis diversas, que non son amigas entre si— realizan durante o visionado da primeira conversa. "Sería como un foro de discusión feminista, menos desde o persoal e máis ao discuro e á crítica".

Este segundo banzo sérvelle a Xiana do Teixeiro para levar o debate "do persoal ao polític"». As violencias contra as mulleres, incide, "son políticas, estruturais, sistémicas" e ela pretende que Tódalas mulleres que coñezo sirva como ferramenta para abordar "o mito actual da igualdade de xénero" que colisiona "co terror que experimentamos as mulleres no espazo público".

A directora incide en que non quere soar como "negacionista" cando explica que ese medo atávico procede "dun discurso sensacionalista, de forma espectacularizada a través dalgúns medios de comunicación; un entretemento aleccionador" que resulta existoso á hora de cercenar a liberdade das mulleres.

A conclusión é que nin o discurso é noso nin a rúa é tampouco nosa

"A conclusión é que nin o discurso é noso nin a rúa é tampouco nosa". A partir de aí, Xiana do Teixeiro quere rachar os silencios, propoñer reflexións, buscar preguntas e procurar solucións.

A terceira parte da película trasládase a Ourense, onde o alumnado dun instituto da cidade, desta volta un grupo mixto, asiste ao visionado das dúas conversas anteriores. "Aquí é onde se descobre o que nos estudos feministas se denomina abismo da experiencia entre homes e mulleres. Si que nos atopamos con algunha rapaza con discurso de xénero e contestataria e tamén cos silencios dalgúns rapaces e intervencións que só descentran o debate". 

Xiana do Teixeiro é consciente de que lle saíu unha película "moi potente". "É cine falado, ao xeito do documental antropolóxico que se facía nos anos 60 en Francia". O propósito, asemade, é que se xere un novo debate, unha nova discusión, entre as persoas que acodan a ver e escoitar Tódalas mulleres que coñezo".

Unha longa feminista da luguesa Xiana do Teixeiro, a liza en...
Comentarios