Lois Blanco: "Os personaxes son catro antiheroes que abandonaron o seu soño"

Dirixe unha montaxe de Rastros de Roberto Vidal Bolaño, co gallo dos vinte anos da morte, que se estrea o venres en Santiago ► O tema da obra é o fracaso da amizade de tres homes co trasfondo do fracaso do galeguismo, en opinión do seu montador
Lois Blanco nun parque de Santiago. PEPE FERRÍN
photo_camera Lois Blanco nun parque de Santiago. PEPE FERRÍN

O diirector Lois Blanco Araúxo (Santiago,1988) decidiu recuperar a peza Rastros (1998), de Roberto Vidal Bolaño, polos vinte anos transcorridos dende o seu pasamento. A estrea farase no Teatro Principal de Santiago coa compañía Condetrespés o venres (20.30 horas) e repetirase a representación ao día seguinte.

A obra empeza co intento de suicidio dunha muller duns corenta anos, que convoca durante o tempo no que permanece ingresada na uvi, á espera dun desenlace incerto, tres homes cos que compartiu sentimentos, soños e ilusións. Eles son un escritor de novelas que nunca lería, un especialista en estrutura económica que vende electrodomésticos e un preso independentista membro do Exército Guerrilheiro do Pobo Galego Ceibe.

O reparto está integrado por Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Pablo Carrera e Mateo Franco. "Son catro antiheroes que abandonaron o seu soño, que fracasaron". O personaxe de Iago está na cadea por un intento de atentado, algo que podería relacionarse coa vivencia do cuñado de Vidal Bolaño cando o autor escribiu a obra. "El opina que se debe seguir soñando e o debate entre os tres personaxes é se deben seguir soñando ou non. Outro di que os soños son apariencias".

"Rastros non é unha obra política, senón de relacións entre personaxes", considera o director. Opina Blanco que "Roberto Vidal Bolaño era máis un romántico que un político. Neste texto fala de fracaso deles como amigos", comparan a relación entre eles no pasado e na actualidade e como empeorou. No trasfondo está a cuestión do "fracaso do galeguismo como idea, pero non é un tema de primeira liña".

Lois Blanco explica que, cando escribiu Rastros, Vidal Bolaño estaba buscando unha adaptación de literatura galega, pero, como non atopaba un texto que o convencese plenamente, escribiuno el "a correr; non está pousado como outras obras súas, é unha froita sen curtar". O seu traballo foi "dosificar os momentos más potentes" da peza.

O director teatral "levaba anos querendo facer esta obra porque é auténtica". A primeira necesidade que atopou foi adaptar un autor do século XX ao actual. "Se les o texto ves o gran amor de Roberto Vidal Bolaño polo cinema, era un grande amante do western, que é un xénero que achega unha visión machista".

Blanco opina que a protagonista, Esther, é "a mellor personaxe que eu vin na dramaturxia galega. É tremenda. Era moi libre para a súa época. Se vivise nesta época non se tería suicidado. Houbo un avance do feminismo grazas á loi-ta das feministas. Ela di: 'Déitome con quen sexa amable comigo'".

"Ela adopta diferentes papeis:casara cun dos tres homes, tivera un fillo con outro; pero quítase do medio porque non ten a onde ir, non sabe acomodarse aos tempos", engade.

O director desta versión de Rastros non coñeceu a Vidal Bolaño, aínda que lembra que seu pai, o actor e humorista Carlos Blanco, o levou a honralo cando o seu cadaleito estivo exposto en Santiago en setembro de 2002. Carlos Blanco tratou o dramaturgo, polo que puido aproveitar ese coñecemento para axudar o fillo. "O meu pai deume o impulso e a confianza para tirar adiante. Esta montaxe é moi familiar. Participa Dani, o marido de meu pai; que é coma un segundo pai para min".

Comentarios