Literatura galega na quinta provincia

Compostela participa este ano como cidade invitada na Feira do Libro de Bos Aires, o que para a Xunta é «unha oportunidade» para reforzar as pontes culturais que tenderon con Arxentina os escritores exiliados no século pasado. Para aproveitala, elaborouse un programa con máis de 150 actividades nas que participarán unha vintena de autores
Responsables de Cultura da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago, xunto a algúns dos autores galegos que se desprazarán a Arxentina para participar na Feira do Libro de Bos Aires
photo_camera Responsables de Cultura da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago, xunto a algúns dos autores galegos que se desprazarán a Arxentina para participar na Feira do Libro de Bos Aires

A INFLUENCIA galega na Arxentina é tan grande que a miúdo a coñecen como a quinta provincia da comunidade. Especialmente a súa capital, Bos Aires, que non só foi o destino de milleiros de galegos que cruzaron o charco en busca de traballo, senón tamén punto de encontro para autores e intelectuais que non podían, tras a Guerra Civil, crear cultura na súa terra, Galicia. Esas pontes que se tenderon hai máis de medio século seguen en pé, e reforzaranse a partir do vindeiro 21 de abril. Desde ese día, e ata o 9 de maio, a capital arxentina falará galego coa presenza de Compostela como cidade invitada na Feria Internacional del Libro de Buenos Aires.

Para a Xunta, esta colaboración representa unha «oportunidade de ouro» pero tamén un compromiso. Recordou o titular de Cultura, Román Rodríguez, que a pasada edición da mostra a convidada foi Cidade de México, e que no 2017 será París, polo que «é raro que se decanten por unha capital relativamente pequena, como é Santiago», e que se o fixeron é porque os arxentinos son conscientes da «influencia que tivemos os galegos na súa construción cultural».

Ante a ocasión «cómpre estar á altura e sacar o máximo rendemento posible», e con esa intención o Goberno galego, en colaboración co Concello de Santiago, elaborou un completo programa con máis de 150 actividades nas que participarán máis dunha veintena de autores da terra e que se desenvolverán no espazo reservado á comunidade no recinto da feira do libro bonaerense. Aínda que restan tres semanas para o evento e a axenda non está definitivamente pechada, o avance da programación foi presentado onte polo conselleiro Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a concelleira de acción cultural de Santiago, Branca Novoneyra, nun acto que tivo lugar no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura.

O lugar elixido para a ocasión, a pesar de que «non se fixo de forma premeditada», simboliza para Rodríguez o «espírito» da mostra, pois o escritor de Vila de Cruces será un dos homenaxeados como representante das letras galegas na diáspora, xunto a persoeiros como Castelao, Blanco Amor ou Ramón de Valenzuela, que contarán con exposicións na mostra.

VARIEDADE DE ACTIVIDADES. A programación de Galicia na feira pon en valor o libro galego a través de eventos moi diversos, como coloquios, varias presentacións de títulos, lecturas dramatizadas, recitais poéticos, talleres de ilustración, conferencias ou encontros con lectores e alumnos e por unha aposta polos formatos dialogados entre autores galegos e arxentinos, que permitan conseguir o maior interese e impacto no público, que se estima en máis dun millón de visitantes.

Ademais de distintos formatos, as actividades terán lugar en varios escenarios, como o stand de Galicia -que segundo apuntou o conselleiro terá 200 metros cadrados e emprazarase nun lugar privilexiado-, librarías da cidade, bibliotecas e centros culturais.

Máis dun millón de persoas pasarán polo stand galego, onde haberá presentacións de libros, charlas, coloquios, lecturas e mesmo cinema

En representación de Galicia desprazarase ata a capital arxentina unha comitiva nutrida por algunhas das máis destacadas voces da literatura galega actual: Manuel Rivas, Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán- Vello, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Xaquín del Valle-Inclán, Diego Ameixeiras, Cesáreo Sánchez, Xesús Alonso Montero, Víctor Freixanes, Ramón Villares, Xavier Alcalá, Teresa Moure, José Edelstein, Antón Lopo ou Jorge Mira.

TAMÉN CINEMA. Non só os libros acapararán a feira, tamén o cinema terá o seu espazo. Segundo explicou Anxo Lorenzo, desde o 28 de abril ata o 4 de maio proxectaranse algúns dos títulos máis recentes de creación audiovisual galega, especialmente aquelas que toman como referencia pezas literarias, como o caso de ‘A esmorga’, un filme de Ignacio Vilar e baseado na obra homónima de Blanco Amor.

Tanto o conselleiro como o secretario xeral de Cultura agradeceron durante a súas intervencións a todas as institucións implicadas na organización desta programación o seu esforzo e dispoñibilidade á colaboración para «forxar este proxecto colectivo do conxunto da cultura de Galicia» que se presentará en Bos Aires, «unha cidade sen a que non se podería entender a cultura galega contemporánea».

«EFECTO RETORNO» . Ao mesmo tempo, Román Rodríguez salientou o «efecto retorno» que terá no produto cultural galego o exhibirse «nun dos escaparates más grandes do mundo como é a feria bonaerense». «Agardamos que este efecto se canalice en forma de futuras exportacións», manifestou o conselleiro, convencido de que Galicia «non vai desaproveitar unha oportunidade histórica para amosar a forza do seu libro».

E non pasou por alto Rodríguez as repercusións que a feira terá noutro sector clave en Galicia: o turismo, con especial protagonismo neste eido para Compostela.

Comentarios