«Nada é o que parece»

Lionel Rexes, un parisino que viven Alfoz, recibe no Grove o XXIII Premio Manuel Loureiro Rey por unha novela ambientada na guerrilla galega

 

Lionel Rexes. CEDIDA
photo_camera Lionel Rexes. CEDIDA

O GROVE. No mes de setembro do ano 2016 celebrouse un acto en memoria e recoñecemento aos guerrilleiros antifranquistas. Un dos seus protagonistas, Francisco Martínez, "Quico", acudiu á cita. Tamén estivo presente Fernanda Cedrón, a neta doutro que foi mítico na comarca da Mariña, O Gardarríos. O encontro tivo lugar na Casa da Penela, en Mondoñedo, e os participantes visitaron varios puntos da contorna que foron significativos para este movemento.

Rematado o roteiro, todos os participantes acudiron a un xantar. «É onde xorde o chispazo literario para min, porque Fernanda Cedrón achégase e dime "acabo de saber que entre nós hai un garda civil, a ver se podes saber quen é"», recorda Lionel Rexes. Era certo, pero naquel momento o que pensou foi que alí tamén había unha novela.

E así foi xurdindo "A raíña das velutinas", que inicialmente íase titular "A Casa da Penela". «O que fixen foi, a partires dese acontecemento real, no canto de ser unha xornada dun día convértoa nun simposio dunha semana ou algo máis de duración; fun introducindo tanto elementos como personaxes da ficción».

Neste apartado figura a presenza de dúas mozas, enviadas pola Consellería de Medio Rural, alleas a esa xuntanza, que chegan ó establecemento de turismo rural de Mondoñedo para traballar na erradicación da praga da avespa velutina.

«Nada é o que parece, e despois van sucedendo unha serie de acontecementos», expón.

Lionel Rexes argumenta que convertiu o que foi unha jornada nun congreso, coa intención de «ir enfrontando diversos personaxes que teñen que convivir, amarse e discutir, todo no marco dun encontro ideoloxizado».

O gañador la vixésimo terceira edición do Premio Manuel Lueiro Rey subliña que escribiu á presa cando soubo da convocatoria deste galardón, e valorou o reto de presentar o traballo, do que o xurado salientou «o seu brillante labor de documentación e as historias amenas que se entrecruzan na trama principal».

Esta valoración resulta especialmente gratificante para Lionel Rexes, pero puntualiza que o motivo é o traballo feito por outras persoas que acudiron á xornada celebrada na Casa da Penela, ás que amosa o seu agradecemento: Antón Reigosa, o cronista oficial de Mondoñedo, o escritor e músico Fran Bouso e o activista cultural Xulio Rodríguez, que coñecen ata o último recuncho da xeografía comarcal e, tamén, os acontecementos históricos que se produciron nela.

«O mérito está nos sabios dos que me rodeei, pero tamén houbo unha busca de datos en diversos medios», apunta.

A raíña das velutinas é a primeira novela de Lionel Rexes, un escritor que ten una acreditada traxectoria como autor de relatos curtos, ademais de ser o impulsor da bitácora literaria www.blogoteca.com/vasoirasdexibarda. O Premio Manuel Lueiro Rey está convocado polo Concello do Grove, e o galardón será entregado hoxe, nun acto que se celebrará ás 21.00 horas na carpa institucional, situada na Praza do Corgo.

Unha traxectoria de tres premios en relato curto

Lionel Rexes (París, 1971) afirma que non podía ser mellor a súa estrea no terreo da novela, porque xunto coa gratificación económica do premio tamén figura a publicación do libro por Edicións Xerais, circunstancia que lle dará unha notable proxección nas librerías galegas.

Diplomado en Maxisterio pola Universidade Autónoma de Madrid, no seu historial figuran os premios Lonxa Literaria, nas edicións de 2011 y e 2015, Minicontos de Outono (2011), relatos de Verán (rededelibros.es, 2012), un accésit do Modesto R. Rodríguez Figueiredo e o segundo galardón do Certame Literario Concello de Ames.

Comentarios