domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Lionel Rexes e María José López Sánchez gañan os Contos de Verán

Os relatos titulados 'Minnesota' e 'Lambetadas' fixéronse co primeiro e o segundo premio no certame de narración curta convocado por El Progreso, que acadou a súa quinta edición

Os relatos remitidos por Lionel Rexes e María José López Sánchez resultaron gañadores da quinta edición do certame Contos de Verán, organizado polo diario El Progreso en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. Un xurado encabezado polo presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, e integrado polo subdirector de El Progreso, Tito Diéguez, e polos xornalistas Santiago Jaureguizar e Marta Veiga Izaguirre acordou concederlle o primeiro galardón, dotado con 1.000 euros, ao conto titulado Minnesota e enviado desde Alfoz por Lionel Rexes.

Do mesmo xeito, o relato Lambetadas, obra da lucense María José López Sánchez, foi escollido para o segundo premio, que consiste nunha gratificación de 500 euros para a súa autora.

González Tosar, que actuou como voceiro do xurado nesta quinta edición do concurso convocado por El Progreso, subliñou de Minnesota o "intelixente uso do humor" por parte de Rexes e a súa capacidade para artellar un relato costumista que atopa as súas meirantes fortalezas en dous eidos nos que nos recoñecemos os galegos: a saudade e os establecementos hostaleiros de galegos na diáspora e a pegada e influencia das orquestras de verbena na Galicia contemporánea.

Polo que respecta a Lambetadas, María José López Sánchez emprega tamén o xénero do costumismo para construír unha peza narrativa sobre un pano de fondo que zumega lucensismo: un partido do Breogán no Pazo dos Deportes. Unha ambientación perfectamente recoñecible para os lectores de El Progreso que serve para achegarse á condición humana, ás familias, ao consumismo e para que a autora poida exhibir "as súas fortalezas na descrición de personaxes".

O presidente do PEN Galicia, Luís Gonzalez Tosar, foi o presidente do xurado e tamén exerceu como o seu voceiro



Luís González Tosar louvou a calidade dos traballos presentados ao concurso, a variedade de xéneros —desde a ciencia ficción ao relato fantástico, ao xénero negro, o romántico e ao realismo máis cru— e salientou como o galardón promovido por El Progreso é xa unha cita consolidada nos veráns literarios de Galicia en tan só cinco edicións desenvolvidas.

Subliñou, asemade, que este tipo de iniciativas supoñen todo un acicate para estimular o talento dos novos creadores e creadoras, ao tempo que celebrou a participación de persoas de todas as idades, que teñen como recompensa "ver os seus escritos publicados no xornal de referencia da provincia de Lugo". Outra das fortalezas de Contos de Verán reside na súa capacidade para estimular tanto a escrita como a lectura de pezas de ficción e de creación literaria en lingua galega, xa que ano a ano tanto os autores afeccionados coma os lectores anceian a posta en marcha desta convocatoria.

Contos de Verán de El Progreso recibiu na súa quinta edición máis de medio cento de escritos, que foron publicados en papel no suplemento De Verano de El Progreso de Lugo durante os meses de xullo e agosto.

Os galardóns serán entregados durante unha cerimonia que se celebrará na sede central de El Progreso en torno ao 24 de febreiro de 2018, data escollida por ser na que se celebra o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Lionel Rexes e María José López Sánchez gañan os Contos de Verán
Comentarios