Lionel Rexes, Concha Parga y José Sixto, premiados en el II Certamen de Minicontos de Outono

A Cidade da Cultura acolleu esta tarde a entrega de premios do segundo Certame de Minicontos de Outono, unha iniciativa a prol da difusión da escrita en galego que puxeron en marcha o Centro PEN Galicia e o xornal LV. De Luns a Venres, co patrocinio da Xunta de Galicia.

Lionel Rexes, un profesor da Mariña, coroouse como vencedor na edición de este ano da man do seu relato Luzada, unha historia da emigración na que o furtivismo e o humor teñen un papel moi especial. O galardón está dotado con 600 euros.

Pola súa banda, a profesora coruñesa Concha Parga alzouse co segundo premio (dotado con 300 euros) grazas a Fulgores feridos, un relato erótico no que dúas mulleres se deixan levar por un irrefrenable impulso carnal.

Finalmente, unha reflexión sobre a crise feita a través dos ollos dunha imaxinativa cativa, foi merecedora do terceiro premio (dotado con 100 euros), que recolleu o poeta e xornalista José Sixto, que bautizou a súa peza como A estrela que veu.

Os secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García, foron os encargados de presidir o evento, cualificado por García como “unha canle fundamental para o galego" e "unha ferramenta dinamizadora que uniu a través da escrita a galegos de todo o mundo, como demostra a alta participación internacional”.

Unha reunión de “amigos da nosa literatura”

Conducida polo xornalista da TVG Carlos Macía, a cerimonia de entrega dos premios converteuse nunha celebración das nosas letras. O evento estivo amenizado polo profesor Kamo Petrosyan, que foi membro da Filharmónica de Armenia e que vive na nosa terra desde hai xa 8 anos. Unha emocionante execución da Negra sombra, poema de Rosalía musicado por Xoán Montes, deu o comezo a esta reunión “de amigos da literatura galega”, como a cualificou Macía. E para pechar a entrega dos galardóns dos Minicontos de Outono e a xeito de despedida da estación, a Primavera de Vivaldi puxo o punto final o evento.

O peche, acompañado dun viño galego, converteuse nunha tertulia entre os asistentes, entre os que se atopaban persoeiros de diferentes eidos da sociedade galega.

O xurado
O xurado cualificador do certame, que se reuníu o pasado xaneiro en Compostela, estivo composto por Luís G. Tosar (poeta e presidente do Centro PEN Galicia), Xabier Castro Martínez (director do Centro PEN Galicia), Diego de Cora García (xornalista e escritor), Alfonso Á. Riveiro (Director de LV De Luns a Venres) e Juan Méndez (xornalista). Tras a súa deliberación, o xurado salientara a excelente acollida do certame e a calidade das obras presentadas. Ademais, na acta do concurso literario, os membros do xurado instaron os organizadores a crear, para a vindeira edición, unha categoría infantil, dado o elevado número de escolares que quixeron participar na cita cos seus minicontos.

274 orixinais chegados 'de medio mundo'
A segunda edición do certame de Minicontos de Outono péchase cun éxito rotundo. A resposta a esta convocatoria por parte dos escritores, tanto experimentados como amateurs, foi masiva, xa que se rexistraron un total de 274 relatos orixinais. A procedencia dos textos foi un dos puntos que, un ano máis, sorprendeu á organización, xa que chegaron obras procedentes de galegos na diáspora desde países como Alemaña, Holanda, Francia, Arxentina, Italia, Reino Unido ou Uruguai.

Comentarios