'Linatakalam', a conversa arredor do Mediterráneo

barco.jpg
photo_camera barco.jpg

O crisol de culturas, costumes e tradicións que asoman ao Mediterráneo converten a este mar nun espazo de obrigada convivencia, máis aló dos conflitos relixiosos e as diferenzas culturais. Esa é a teima que inspirou a coprodución televisiva internacional 'Linatakalam' que, en árabe, quere dicir ‘falemos, conversemos, dialoguemos’.

Neste proxecto, integrado por seis capítulos de media hora de duración, participan como coprodutores a TVG, a televisión pública de Marrocos SNRT, TVE, a produtora italiana Surf Film, Castelao Producciones e a galega IBISAtv. A aportación galega á produción internacional representa un de cada dez euros do orzamento total da serie. Os restantes nove euros acadáronse no exterior.

A serie será distribuída por Filmax e acompañarase dunha guía didáctica que pretende converterse nunha ferramenta de traballo nas escolas e institutos galegos para potenciar a intregración dos colectivos inmigrantes na comunidade.

Colaboración con Marrocos
Co gallo da estrea desta iniciativa audiovisual realizaranse diversos actos, que traerán a Galicia unha delegación do goberno marroquí, que porá en marcha diversos proxectos de intercambio en educación intercultural entre a Universidade Al Akhawayn de Ifrane e a de Santiago de Compostela.

Ademais, o ministro de Comunicación do reino alahuita, Nabil Benabdallah, e o Conselleiro do Rey, André Azoulay, asinarán coa Secretaría Xeral de Comunicación un convenio para a cooperación no eido das telecomunicacións. Tamén se prevén outros acordos de colaboración en materia audiovisual, coa TVG, e educativa, coa USC.

A estes acordos engadirase un encontro dos representantes alahuitas co seu embaixador en España, Omar Azziman, e o secretario xeral de Emigración da Xunta, Manuel Luís Rodríguez, para abordar a situación que viven os inmigrantes do país veciño na comunidade galega.

Comentarios