O primeiro libro de María García, Alma de grilo (e outras fábulas para acompañar un café), non só está impreso en papel. Unha parte deste texto adoptou este venres forma oral. A súa propia autora e tamén actriz de Ítaca Teatro deulle vida a través da súa voz e dunha interpretación escénica que contou coa música composta para tal ocasión polo acordeonista bielorruso, afincado en Lugo desde hai anos, Vadim Yukhnevich.
"É un espectáculo que recolle cinco das historias que conto no libro con música en directo a través dunha interpretación teatral, dunha ambientación na que se inclúen anécdotas que serven de nexo e no que hai sempre un fío condutor, que é o canto dos grilos. Un canto que estivo sempre moi presente na cultura popular como bo presaxio», resumía María García momentos antes da presentación da súa obra.
O acto celebrouse nos xardíns do Museo Provincial. O obxectivo era dar a coñecer este libro que a autora encadra na fábula moderna ou nova tomando como exemplo un dos seus referentes literarios, Augusto Monterroso.
"É unha maneira de contar que emprega moitas metáforas para falar da realidade. Aprovéitase un obxecto, un animal ou unha situación fantástica para contar unha historia e cadaquén, segundo vai lendo, vai descubrindo unha historia distinta. A min encántame este xeito de escribir porque me deixa moita liberdade como lectora. Me obriga a pensar qué me están a contar e por iso quixen escribir un libro así tamén", afirma María García.
Alma de grilo contén algo máis de vinte relatos nos que se fala da condición humana en todas as súas vertentes: coa súa complexidade, coas súas debilidades e fortalezas, coas súas paradoxas. Todo iso contado cun humor acedo. "Como unha historia de varias capas", sintetiza a autora.
O libro saíu do prelo de Edicións Embora e a escenificación teatral foi producida por Ítaca Teatro. Ao acto, ademais de diverso público, asistiron a deputada provincial de Cultura, Iria Castro; o director de Edicións Embora, Miguel Toval, e o ilustrador do libro, Julio Seijas.
Alma de grilo é unha obra tecida con imaxinación e sensibilidade na que transitan obxectos humanizados como metáforas de soños, follas que non se deixan arrastrar pola corrente, trasnos que contan estrelas, pintoras salvadas pola súa arte ou monos que triunfan por non seren gregarios. A vida mesma, en suma.