Un libro estuda a revolución burguesa do século XIX en catro localidades lucenses

Veiga Alonso investigou o cambio político en Lugo, Viveiro, Ribadeo e Mondoñedo

O profesor da Escola de Maxisterio de Lugo e historiador Xosé Ramón Veiga Alonso analiza as relacións de poder durante as primeiras décadas do século XIX en Lugo, Viveiro, Ribadeo e Mondoñedo. O seu estudo aparece agora no volume Poder e política na Galiza Vilega. 1790-1833. Provincias de Lugo e Mondoñedo, que deu a coñecer este mércores nun acto en Santiago.

"Entre 1790 e 1833 vívense en Galiza tempos convulsos, co Antigo Réxime en decadencia mais con forzas abondas para resistir e unha alternativa liberal e constitucional aínda en cueiros que turra por ocupar o espazo político", indicou o autor.

O catedrático ribadense de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto asegurou que este libro "trata con rigor analítico e pouso intelectual un tempo de trasición que semella afastado, pero segue a ser a esencia e fundamento do noso presente", xa que ese final do século XVIII e inicio do XIX supón o paso "dos tempos antigos aos contemporáneos". 

Son décadas de transición que son "as máis interesantes para as vidas e as máis importantes para a Historia", segundo asegurou o profesor Fernández Prieto, quen tampouco puido deixar pasar o paralelismo coa situación actual. Sinalou que "os de hoxe tamén son tempos de transición nos que se definen ruturas e se anuncian futuros aínda non coñecidos".

Mais os que recolle esta obra son os da "transición por antonomasia", non a vivida hai 40 anos, senón a que supuxo a revolución burguesa e o fin do feudalismo en Galicia nas vilas de Lugo, Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo, nas que o autor rastrexou para ofrecer "unha nova visión".

Comentarios