Letras Galegas 2024: Luísa Villalta é a homenaxeada

Este 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas ► Descobre quen foi Luísa Villalta
Luísa Villalta pintando versos. ARQUIVO BLANCA SILVA
photo_camera Luísa Villalta pintando versos. ARQUIVO BLANCA SILVA

 O 17 de maio é un día grande en Galicia. Unha data para a conmemoración da nosa cultura, identidade e que procura honrar e difundir a memoria e a obra dunha persoa homenaxeada. Neste caso, o Día das Letras Galegas 2024 será dedicado á poeta coruñesa Luísa Villalta (1957-2004).

Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), comunicou que dende a institución acordaron homenaxear á poeta e ensaísta Luísa Villalta coincidindo co vixésimo aniversario do seu falecemento. A candidatura estivo impulsada por Ana Romaní, Chus Pato, Manuel González, Manuel Rivas, Margarita Ledo, Xesús Ferro Ruibal, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, María López Sández e María Dolores Sánchez Palomino.

  1. Quen foi Luísa Villalta?
  2. Por que se celebran as Letras Galegas o 17 de maio?
  3. Cantas mulleres foron homenaxeadas o Día das Letras Galegas?

En 1963 comezou a historia destas Letras Galegas. Con motivo do centenario de Cantares Gallegos, Rosalía de Castro foi a homenaxeada. Dende aquela data foron sucedéndose as figuras da literatura e da lingua galega que axudan á súa promoción. Agora, en 2024, é o turno de Luísa Villalta.

Quen foi Luísa Villalta?

Luísa Villalta tocando o violino. ARQUIVO FAMILIAR
Luísa Villalta tocando o violín. ARQUIVO FAMILIAR

Luísa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024, naceu o 15 de xullo de 1957 na Coruña, segundo sinala a RAG, espazo "vital fundamental" que deixaría unha "profunda pegada" na súa obra. Titulada superior de violín, a música foi un elemento principal na súa mocidade, chegando a formar parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia.

Tras licenciarse en Filoloxía Hispánica e en Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela en 1982, apostou por dedicarse ao ensino.

Desde a publicación da obra teatral Concerto para un home só (1989) até o seu falecemento no ano 2004, a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024 publicou máis de 15 volumes; desde outras catro obras teatrais e o ensaio sobre o Don Hamlet de Cunqueiro (1992) até As chaves do tempo (2001), a súa última novela, e numerosos artigos de carácter xornalístico.

A poesía é o xénero que "maior proxección" lle achegou, sinala a RAG. O título do seu primeiro poemario Música reservada (1991) visibiliza a mestura de dúas formas de expresión. Catro anos despois publica Ruído e tamén en 1995, Rota ao interior do ollo.

En concreto é o último poemario que deixou escrito en vida, recoñecido en xaneiro de 2004 co XII Premio de Poesía Espiral Maior do que o xurado destacou o seu "carácter expresionista, o pensamento crítico maduro e o equilibrio estilístico entre o conceptual e o visionario".

Así vou eu
formando parte
Non me abandono e formo parte

A súa obra Papagaio (2006), publicada dous anos despois do seu falecemento, é unha colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira. A súa poesía complétase con As palabras ingrávidas (2020).

Á marxe da poesía, Villalta cultivou "con asiduidade a literatura dramática", indica a Academia. Após Concerto para un home só (1989) viron a luz O representante (1990) e O paseo das esfinxes (1991). Como escritora teatral publicou ademais As certezas de Ofelia (1999) e Os doces anos da guerra (2001).

A protagonista do Día das Letras Galegas 2024 é autora, ademais, dunha obra narrativa de carácter "exploratorio". Após ser distinguida en 1990 co Premio Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo polo relato A taberna do holandés, viu a luz Siléncio, ensaiamos (1991), 11 historias nas que a música ten unha significación central.

Luísa Villalta con Perfecto Estévez, Yolanda Yáñez e Francisco Pillado, en Santiago de Compostela o Día da Patria Galega de 1994. ARQUIVO YOLANDA YÁÑEZ
Luísa Villalta con Perfecto Estévez, Yolanda Yáñez e Francisco Pillado, en Santiago de Compostela o Día da Patria Galega de 1994. ARQUIVO YOLANDA YÁÑEZ

En Teoría de xogos (1997) Villalta constrúe unha alegoría sobre a vida como xogo e en As chaves do tempo (2001) desenvolve unha narración "baseada na temática artúrica chea de simbolismo e dobres lecturas", segundo informa a RAG.

Como ensaísta, destaca O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) e O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas as partes na historia da literatura galega (1999).

Por que se celebran as Letras Galegas o 17 de maio?

O 20 de marzo de 1963, con motivo da proximidade do centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio.

"Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia", afirmaban no escrito presentado á RAG.

"A Academia -como órgano oficial da nosa cultura- debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual. O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega", sinalaron.

O 28 de abril do mesmo ano, en xunta ordinaria, a Academia resolveu, por unanimidade, aprobar esta proposta e declarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano.

Cantas mulleres foron homenaxeadas o Día das Letras Galegas?

No Día das Letras Galegas 2024 Luísa Villalta converterase na sexta muller homenaxeada un 17 de maio. Antes dela foi a quenda de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e. Xela Arias (2021)

Comentarios