Letras Galegas 2024 | Un día para Luísa Villalta, unha creadora completa

As Letras cítanse na Coruña este 17 de maio de 2024: María Pita acollerá un acto institucional coa familia da escritora e logo a RAG celebrará un plenario no teatro Rosalía de Castro

"Creadora dunha obra única e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega xurdida na segunda metade dos anos 80 e principios dos 90 do século pasado". Así destaca a Real Academia Galega a figura de Luísa Villalta, homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas. Dous anos antes a plataforma de crítica literaria galega A Sega dedicáralle o Día das Galegas das Letras.

Luísa Villalta (A Coruña, 1957- ibidem, 2004) é a filla maior dunha familia que lle inculcou a afección pola música. A lectura tamén foi desde moi nova outra das súas paixóns. Con 8 anos comezou a súa formación no Conservatorio da cidade e con 26 titulouse en violino. Formou parte da Orquestra de Santiago e a Xoven Orquestra de Galicia. Estudou nas Xosefinas e no instituto Eusebio da Guarda da Coruña e licenciouse en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa en Santiago.

Concerto para para un home só (1989) é a primeira obra dramática de Villalta, á que seguirán O representante, O Paseo das Esfinxes, Os doces anos da guerra e As certezas de Ofelia. O seu interese polo teatro lévaa a traducir Manifesto por un novo teatro, de Pier Paolo Pasolini, e A mandrágora, de Nicolás Maquiavelo, esta con Francisco Pillado. Ademais, deixou os ensaios O Don Hamlet de Cunqueiro. Unha ecuación teatral e O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega.  

Pero foi a poesía a que lle deu maior proxección. Estréase en 1991 con Música reservada e nesta mesma década saen do prelo Ruído e Rota ao interior do ollo.

O ano do seu falecemento chegou En concreto e en 2006 publicouse a póstuma Papagaio, un proxecto asentado sobre fotografías de Maribel Longueira.

Silencio, ensaiamos, Teoría de xogos e As chaves do tempo son unha mostra do seu compromiso coa escrita e a sociedade que lle tocou vivir, onde, como ela dixo, ''as palabras son enerxía contra o tempo e o único depósito fiábel para a esperanza'', segundo consta na narrativa reunida pola editorial Galaxia este ano polo Día das Letras.

Tamén artigos seus publicados en A Nosa Terra entre 2002 e 2004 foron recollidos en Libro das columnas o ano seguinte ao pasamiento de Luísa Villalta. Pero as súas colaboracións apareceron tamén en moi diversas publicacións, como Man Común, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro, Página Abierta, Mundo Lusófono ou Enclave.

A autora foi docente nos institutos Neira Vilas de Perillo (Oleiros), de Canido (Ferrol) e Isaac Díaz Pardo de Sada, onde impartiu a materia de Lingua e Literatura Galega, e participou vivamente nos debates culturais do fin do milenio, segundo indica Ana Romaní na páxina da Real Academia na que recolle unha ampla biografía da creadora coruñesa. Romaní foi unha das académicas que encabezou a proposta de Villalta para o Día das Letras Galegas, na que tamén participaron Chus Pato, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Margarita Ledo Andión, Manuel Rivas, María López Sández, Eulogio Ruibal, Dolores Sánchez Palomino e Manuel González.

Ademais, Romaní recalca sobre Villalta que propón "un campo para o debate, alimenta unha vontade de intervención para estimular unha reflexión crítica" e "implícase, toma partido, crea opinión, deita outra lectura, enfía humor e ironía nunha ollada propositiva co ánimo dun pensar colectivo máis aló do inmediato. E apenas se comprace, foxe de lugares comúns mesmo nos momentos de maior intensidade emocional e interpélanos".

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, recorda que Villalta "representa unha xeración comprometida coa realidade que quixo contribuír a facer unha Galicia mellor". "Era unha pensadora moi completa", enfatiza a directora da sección de Literatura da Academia, Marilar Aleixandre. "Luísa é unha autora plena. A paixón pola literatura moveu a súa escritura", defende Margarita Ledo, outra das valedoras para que Villalta sexa homenaxeada hoxe co Día das Letras.

Comentarios