"Ler a Rosalía espertoume a valentía para poder expresarme na miña lingua"

O domingo 31 de xullo ás 12.00 horas Beatriz Pin presentará no centro cultural de Baleira o poemario Río Adentro, acompañada do seu amigo e autor, Xulio López Varcárcel, e a profesora de linguas estranxeiras Anne Nikitik. Nenos e nenas da vila recitarán algúns dos seus poemas
Beatriz Pin Díaz. EP
photo_camera Beatriz Pin Díaz. EP

CATIVADA polas letras de Rosalía de Castro, Beatriz Pin Díaz (Fonteo, 1952) comezou a escribir poesía cando estudou o bacharelato en Lugo. O vindeiro domingo presenta na súa Baleira natal a obra Río Adentro, un poemario no que reflexiona sobre a vida, botando man de experiencias persoais e lembranzas representadas no transcorrer do seu río, o Eo, que invoca todo o que ela máis quere.

Cando foi o seu primeiro contacto coa poesía?

Eu empecei a ler poesía nas clases de literatura do instituto. Alí ensinábannos os clásicos autores: Bécquer, Machado... Pero a min impactoume especialmente a literatura de Rosalía de Castro. Sentíame identificada con ela, xa que nacín no rural e sempre falei en galego, que daquela estaba tan perseguido. Ela espertoume esa valentía necesaria para comezar a expresarme por medio da poesía na miña lingua. Nos primeiros poemas manifestaba cousas que tiñan que ver co momento histórico e social represivo que vivimos. Eran tempos de ignorar o rural, aínda máis que agora, de desprezar aos de aldea e de non nos considerar para nada. Por iso, grazas a ela e a outros autores galegos animeime a escribir nun contexto que non era favorable. En 1970, El Progreso publicaría un poema meu que se titulaba Elexía a Rosalía de Castro.

Como definiría este novo poemario que acaba de publicar?

Nel trato de representar as miñas vivencias a través dos treitos que pode ter un río. No treito alto, sitúase a miña primeira poesía, por exemplo, a participación que tiven como única muller na antoloxía colectiva ‘6 novas voces das Letras Galegas’, publicada por Ediciones Celta en 1972, xunto con outros autores contemporáneos como Fiz Vergara e Rodríguez Barrio. Despois, centreime na miña profesión e deixei a poesía ata finais dos 70, cando marchei traballar a Inglaterra dous anos. Esta tempada na que voltei escribir con frecuencia é o treito medio do río. E, logo, está o treito baixo, a partir do 2009, cando me xubilei e empecei a escribir nun blog (http://leriasdebea.blogspot.com) pequenos textos e crónicas —dos que publicou o libro compilatorio Lerias de Bea o ano pasado—. Cando estou inspirada meto algún poema neles. Cos últimos versos, ata o día de hoxe, pretendo describir o lugar onde vivo, o meu día Beatriz Pin Díaz. a día, a miña volta o rural onde nacín, os recordos e lembranzas de antes... Todo iso vai aflorando, algunhas veces con humor, por medio de poemas simples, cantareiros e trabalinguas.

Que lle significou a vostede vivir no estranxeiro?

Ser profesora en Inglaterra permitiume coñecer outros lugares, outras xentes, poder mellorar o meu inglés e expresarme nel. Ademais, como os idiomas sempre se me deron ben, estar lonxe de Galicia non me supuxo un gran problema para escribir e que me entendesen. Alí decidín crear algún poema en castelán e francés. O choque de culturas é o que máis se reflexa nas estrofas desta época; o ‘east end’ londinense era un mundo moi distinto do que tiñamos aquí.

O río Eo é unha parte imprescindible da súa obra.

Si, de pequena xogaba no río, mais non me decataba do seu valor. Ao estar tanto tempo fóra, empecei a botar de menos o que representaba, máis alá da paisaxe. Tamén me marcou a obra ‘Entre Fonteo y el mar’, de Cándido Sanjurjo. Agora valoro moitísimo todo isto.

Comentarios