Antonio Reigosa: "A lenda explica as inquedanzas da xente"

O escritor presentou o volume 'Lugo de lenda', con 130 historias dos 67 concellos da provincia, na Feira do Libro ► O libro recolle historias de demos, mouros, tesouros e milagres, asuntos nos que o autor traballa dende hai máis de trinta anos
Antonio Reigosa (dereita), co xornalista de RTVE Orestes Currás, na presentación do libro. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Antonio Reigosa (dereita), co xornalista de RTVE Orestes Currás, na presentación do libro. VICTORIA RODRÍGUEZ

Antonio Reigosa ten unha afección perigosa. Adianta o peito con emoción para falar sobre lendas e amosa as palmas das mans nun xesto de pausa cando conta unha historia nova. Parece cuestionar a credibilidade. O seu novo libro Lugo de lenda (Edicións Embora) recolle unha historia que o fixo dubidar.

Un comunicante descoñecido informouno de Mosteiro, un lugar de Taboada onde había un convento sobre a beira do Miño. "Un home chega camiñando cos pés destrozados. As monxas póñenlle unha almofía con auga. O home acaba afogando nela", relata. "Nunca escoitara nada semellante en Galicia e desconfiaba ata que lin un libro de Víctor Alonso Troncoso con seis ou sete testemuñas dun home que quere cruzar o río Eume. Dánlle alivio cunha almofía para que lave os pés e afoga. Estaba destinado a afogar na auga dese río".

A reticencia do autor está fundamentada polos trinta anos que leva investigando historias populares en toda Galicia. Entre 2009 e 2010 publicou a serie Lugo encantado en El Progreso, que serve de base para a obra que presentou este xoves na Feira do Libro de Lugo xunto ao xornalista Orestes Currás. Reúne 130 contos tradicionais dos 67 municipios da provincia.

O autor subliña unha lenda sobre un home que afoga na auga dun río que está contado nunha variante que el non escoitara antes

Mondoñedo ten presenza notable porque Antonio Reigosa naceu no lugar de Zoñán en 1958. "Crieime nun ambiente de narración oral. A miña casa foi a primeira na que houbo televisión. Eu tiña 12 anos. O meu avó contábame que, cando tronaba, os mouros do castro de Zoñán estaban xogando aos bolos baixo terra. Por suposto, os bolos eran de ouro".

Cando empezou a interesarse polas historias populares "había pouco publicado". "Unha vez que te metes é fascinante", afirma sen dubidar nin para inhalar o aire cálido da tarde lucense. "A lenda explica as inquedanzas da xente do común cunha expresión poética. Os tesouros explican a ilusión por ser rico e os monstros indican lugares perigosos aos que non se debe ir". Como exemplo fala do Aláparo de Salvadur, na Pobra do Brollón. "O Aláparo era un monstro violador o que as mulleres cazaron e enterraron baixo o Carballo do Aláparo".

Os contos que reúne este volume teñen como base textos publicados no diario El Progreso entre os anos 2009 e 2010

Un caso semellante é a Tía Xoana, que vive nun arcón gardado nun faiado da Pontenova. "Advertíase aos nenos de que non mirasen nese arcón, poda que porque houbese documentos da casa".

A Garbanceira anda polos camiños abandonados de Bretoña. Os rapaces non deben aventurarse por eles. "A garbanceira é un arbusto ao que lle din xibarda. Lence conta que as meigas de Mondoñedo voaban en vasoiras de xibarda ata o Xistral, o lugar do gran aquelarre da Mariña", indica.

Nos altos desa serra nacen tres ríos —"adoitan ser o Masma, o Eume e o Landro"—, que cada ano fan unha carreira. O río que chega antes ao mar ten como premio a vida dun home. Ás veces, morre afogado nun pequeno recipiente para limpar os pés.