sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Leiceaga: "A literatura permíteche coller certa distancia doutras batallas"

Leiceaga. EP
Leiceaga. EP
A súa segunda novela indaga nas raíces da sociedade actual

O CONFINAMENTO estragou a promoción do seu ensaio O país do porvir, pero tamén lle facilitou mergullarse na súa segunda novela, Baixo as alas de abril, na que repite protagonista.

Si. Estaba na casa coa miña muller e o fillo pequeno, cada un traballando no seu. Con 24 horas metido nunha vivenda tiñamos tempo e decidín retomar esta novela, que é unha nova intriga co mesmo protagonista que Agosto de memoria e morte, Miguel Santos, xa uns anos despois, no 89 é unha nova entrega. Fíxena case como unha forma de superar aquela situación. Decidín darme un respiro literario.

Esta novela ten como escenario a Galicia de fins dos oitenta e susténtase en feitos reais, non si?

A base do asunto está en sucesos reais, pero non se trata nin dunha crónica nin dunha reportaxe, senón dunha recreación literaria nun contexto da tregua de ETA e das conversas de Arxel. Sae o Santiago estudiantil dos anos oitenta, sae a orixe do grupo e o conflito no interior tanto no lado da Policía como no do grupo. Non busquei facer unha historia de bos e malos, senón ver como persoas que están integradas na nosa sociedade e teñen unha vida normal, teñen a súa ocupación, as súas amizades, os seus círculos... nun momento determinado dan o salto a quebrar esa fronteira de civilidade que é o non uso da violencia e deciden que isto é unha opción tamén.

Por que Baixo as alas de abril?

O título parte dun poema de Cunqueiro, que fala da cinza, do sangue... tiña unha certa relación simbólica co contido da novela.

Fala tamén de ilusións perdidas...

Hai algo diso. Na novela anterior, unha das críticas que recibín foi que os personaxes femininos tiñan pouca densidade, as ilusións perdidas fan referencia a iso. Pero tamén hai cousas que se colan das circunstancias que vivimos mentres escribía. Cando acabei decateime da importancia dos hospitais e a partir de aí se irradian eixos que estruturan a novela que teñen que ver coa pandemia pero tamén coas relacións entre pais e fillos, a confianza e o desamor.

De onde veñen as críticas máis duras, da política ou da literatura?

É máis dura a política. A literatura é máis agradecida. Hai competencia en todas as partes da vida, pero eu tampouco son un profesional da literatura, con que exista un público que lea o que fago é suficiente. Cambiar de actividade e poñerse en modo literatura faiche descansar a e ver desde fóra moitas cousas. Permíteche coller certa distancia doutras batallas e outras realidades.

"Busquei ver como as persoas que están integradas na nosa sociedade dan o salto aá violencia"

O ensaio O país do porvir, no que reflexiona sobre o pasado e futuro de Galicia, tivo boa acollida.

Hai quen che di que lle fai pensar e iso era do que se trataba. Levo moitos anos traballando arredor da economía de Galicia e parecíame que podía ser o momento de sintetizar algunhas reflexións nun traballo accesible. A principal preocupación que tiña é que o común da xente pensa que a Galicia lle foi mal nos últimos corenta anos, e a realidade é que non é así. Temos que discutir os problemas que temos desde o coñecemento da realidade. A Galicia foille moi ben nestes 40 anos de democracia e autogoberno. Os que temos unha idade miramos para atrás e vemos como era a Galicia dos anos 80 e a de hoxe e non ten que ver. Hoxe é un país moderno, vibrante, malia os problemas de avellentamento ou de que non somos capaces de ter dinamismo poboacional e que perdemos sedes de empresas e hai sectores que se resisten.

Pensa algunha vez, se eu tivese sido presidente da Xunta isto estaría doutra maneira?

(Risos) O que tiña previsto facer estaba no programa electoral do PSdG de 2016 e, por certo, que algunha parte, con retraso, hoxe se está a poñer en marcha, como a estensión da gratuidade das escolas infantís. Hai moitas cousas que me gustaría ter feito, por exemplo, darlles un impulso decidido as enerxías renovables non seu momento e non perder os anos que se perderon. Mellorar o estatus e a dignidade do uso do galego ou ampliar as áreas de máis nivel de protección en Galicia.

"Valentín ten que fortalecer a unidade, xerar confianza e construír un proxecto propio"

O PSdG vén de celebrar as súas Primarias. Como ve esta nova etapa que se abre para o socialismo galego?

Como na súa época, fálase de unificar sensibilidades para facer un partido máis forte... Gañase quen gañase, as circunstancias actuais se enfrontarían a un panorama complexo. Eu a Valentín Formoso primeiro felicitaríao pola súa victoria. Creo que mellor que unhas primarias se resolvan con claridade porque iso dálle máis lexitimidade ao que gaña. E logo diríalle que ten que facer tres cousas: en primeiro lugar, construír a unidade interna, tócalle facer ese traballo de fortalecer a unidade do partido. Esa é a base para xerar confianza no plano autonómico. Temos bos resultados nos últimos tempos tanto nas eleccións municipais como nas xerais, pero hai un déficit nas autonómicas que ten que ver con que a xente non ve ao noso partido como o máis capacitado para gobernar Galicia. Esa xeración de confianza pasa por facer un traballo de apertura á sociedade e de formulación de propostas atractivas e viables. E, en terceiro lugar, ten que construír un proxecto propio. Galicia ten a súa identidade os seus intereses, e iso esixe ás veces marcar certa distancia con algunhas posicións que se adoptan en Madrid, e outras explicar con todo luxo de detalle por que o que se fai desde Madrid é interesante para Galicia. Creo que esas son as claves. Hai tres anos case por adiante e Valentín ten que facer ese traballo.

"O reto é ser un país atractivo para crear riqueza nos sectores de futuro"

Cales son para Xaquín Leiceaga os retos da Galicia que vén? O reto demográfico, a transición enerxética...?

O reto demográfico hai que enfrontalo desde a economía e desde a política. Como o facemos? Creando postos de traballo, facilitando a conciliación, que existan escolas infantís accesibles... O principal reto é que sexamos capaces de converternos nun país atractivo para crear riqueza e emprego nos sectores de futuro.

E o turismo?

O turismo está ben e é importante, pero o importante vai ser a biotecnoloxía, a sociedade dixital... E é aí onde temos que situarnos. Temos moi boa rede de comunicación, temos empresas que están facendo cousas interesantes tanto farmacéuticas no Porriño como de tecnoloxía en Santiago e na Coruña. Logo, o futuro de Galicia pasa, sen dúbida, polo Eixo Atlántico.

E Lugo e Ourense? E o rural galego?

A súa principal aspiración debería ser conectarse ben coa Galicia dinámica. Por outra banda, ao mundo rural hai que darlle un futuro que pasa porque as cidades próximas sexan prósperas. Ten que haber unha rede de servizos mínimas para todos. A segunda debilidade que temos ten que ver co noso tecido empresarial. Dependemos demasiado de dúas grandes empresas, Inditex e Citröen. Hai que apoialas e mimalas, claro, pero necesitamos que se consolide unha clase de empresas medias potentes que estean presentes no exterior e que sexan capaces de innovar. E iso pasa por facilitar o crecemento de moitas empresas , polo impulso aos emprendedores que están consolidándose pero que teñen que dar o salto.

Leiceaga: "A literatura permíteche coller certa distancia doutras...
Comentarios