martes. 16.07.2019 |
El tiempo
martes. 16.07.2019
El tiempo

O legado do lugués Xabier P. Docampo reverdece nunha sentida homenaxe

Unha imaxe de Xabier P. Docampo presidiu o acto de homenaxe no teatro Rosalía coruñés. EP
Unha imaxe de Xabier P. Docampo presidiu o acto de homenaxe no teatro Rosalía coruñés. EP

Escritores e artistas lembraron a traxectoria do escritor nun acto no teatro Rosalía coruñés

Hai case un ano, o 26 de xuño de 2018, deixounos Xabier P. Docampo, ese escritor que "onde estaba, enchía", como recoñecía o seu amigo Paco Martín. O contador, que foi premio Nacional de Literatura en 1995 e unha das voces máis singulares e galardonadas do panorama literario, finou aos 72 anos e deixou un oco inesquecible no mundo das letras galega e nacionais.

Nado entre as terras de Rábade en 1946, Docampo foi autor de importantes obras como Cando petan na porta pola noite —premio Nacional de Literatura—; O misterio das baladadas, que marcou o seu inicio como escritor en 1986; Bolboretas ou O libro das viaxes imaxinarias, da que o seu eterno editor en Xerais, Manuel Bragado, dicía que era a "obra de viaxes máis fermosa da nosa literatura, onde fala da vida coma viaxe e da viaxe como relato para ser compartido".

A súa vida, obra e legado foron homenaxeados este mércores no teatro Rosalía de Castro de A Coruña nun acto organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

Amigos do escritor participaron nunha multitudinaria charla conxunta na que repasaron os vínculos con Docampo

O acto arrincou coa colocación dunha placa na casa onde viviu, na Praza González Dopeso que serviu como previa da homenaxe oficial que tivo lugar a partir das 20.30 horas.

Alí, xa no teatro Rosalía de Castro, amigos de Docampo como Alfonso García Sanmartín, Xavier Senín, Fina Casalderrey, Suso de Toro, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Bragado, Paco Martín, María Xesús Fernández, Xosé Cobas y María Canosa lembraron a traxectoria de Docampo nunha conferencia titulada Xabier P. Docampo na voz da amizade.

Ademáis, a contacontos Paula Carballeira tamén repasou a vida do escritor e narrador cun relato oral que contou coa música de Miro Casabella.

A cita rematou coa lectura da súa obra De cores e de amores, na voz de Daniel Laxe e Leire Bono, e de Bolboretas, por parte de Uxía López.

O legado do lugués Xabier P. Docampo reverdece nunha sentida homenaxe
Comentarios