Ledo: "Recoñécenme o máis íntimo"

A Semana de Cine de Lugo fai brillar placas cando o parque de Frigsa empeza a cubrirse de follas mortas. O Grupo Fonmiñá recoñece este ano a cineasta Margarita Ledo e a actriz María Casares no seu Paseo do Cine, con senllas inscricións. A mostra cinematográfica proxectará máis de 130 películas ata o día 24
Recuerdo en Castro de Rei. SEBAS SENANDE
photo_camera Recuerdo en Castro de Rei. SEBAS SENANDE

MARGARITA LEDO estaba contenta, malia que as homenaxes a inquieten como se fosen follas que non volverán ser verdes. "Este recoñecemento gústame porque se valora a parte máis persoal da miña obra", destacaba onte, co sol aínda iluminando o metal da súa placa.

A realizadora de Castro de Rei destaca que Lugo é a cidade dos seus primeiros pasos cinematográficos como espectadora. "Lembro o carraspeo de Ánxel Fole no Central Cinema, o Gran Teatro, o Cine Club Valle Inclán -o primeiro de Galicia-,... Susiño de Cea, que era de Baltar, organizaba excursións para ver películas importantes, como Ben Hur ou Molokai.

Tamén aprendeu na cidade técnicas como o «fóra de plano», que se saiba da acción sen que a enfoque a cámara. Comprendeuna antes de saberlle o nome. Había unha atracción na que un motorista rodaba por unha parede case vertical ata chegar a facelo, xa no alto, co corpo totalmente deitado. "Non me deixaban entrar no Pozo da Morte. Soamente vía a xente abraiada pola reacción das caras, sabía que pasaba algo importante", relata.

A segunda técnica que asimilou foi a panorámica. "As monxas da Milagrosa levábanos á muralla", así Margarita imaxinaba eses planos amplos. Estudou ata cuarto nese colexio. Despois foi ao Instituto Femenino, onde tivo experiencias que podería ter filmado, como cando daban "voltas de xeonllos ao edificio" para pedir inspiración divina nunha asignatura. Outro método infalible era introducir un papel co nome da asignatura nun repositorio. "Seaprobabas pagabas".

Non deixa de reinvindicar Castro de Rei coma un espazo que sempre aparece nas súas obras: o río Azúmara, a Granxa Tejeda, o manicomio,...

Todo o que avanza Margarita Ledo do seu próximo documental ficcionado son o título -"Prefiro condearme"- e o tema -as perseguidas por "abandono de fogar", «ás que se acusaba de adúlteras cando posiblemente estivesen escapando de que mallasen nelas».

MAIENA. María Casares (1922-1996) non sufriu violencia, pero foi levada a París no exilio político da súa familia cos primeiros tambores que soaban a unha ditadura, en 1936. Era filla de Santiago Casares, presidente do Goberno durante a Segunda República.

A Semana de Cine tivo un detalle co humorista gráfico Siro, a quen entregou un recordo conmemorativo que serve ao Grupo Fonmiñá para agradecerlle a súa colaboración, tanto na elaboración do cartel desta edición cunha caricatura de María Casares, como nas de Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana.
A Semana de Cine tivo un detalle co humorista gráfico Siro, a quen entregou un recordo conmemorativo que serve ao Grupo Fonmiñá para agradecerlle a súa colaboración, tanto na elaboración do cartel desta edición cunha caricatura de María Casares, como nas de Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana. SEBAS SENANDE

 

O encargado de descubrir a placa co seu nome foi Claudio Rodríguez Fer, que lle dedicara o opúsculo "A viaxe vermella". O escritor salientou que é "unha actriz fundamental do teatro europeo do século XX e do cinema francés". No ámbito personal mantivo «o compromiso coa liberdade e non volveu a Galicia ata que morreu Franco».

A volta da actriz produciuse aos corenta anos de ter que marchar de España, no mes de setembro de 1976. Volveu xa como dama da escena para montar El adefesio de Rafael Alberti. A cúpula do comunismo español, aínda na sombra, acudiu vela.

O regreso aos teatros españois tivo un resultado desigual. En Barcelona e en Murcia foi ben acollida; en Madrid preguntábase quen era aquela actriz «con ese acento gallego», tan fuerte, lembraba a súa compañeira de reparto daquela Tina Sanz.

Claudio Rodriguez Fer publicou un poema "co seu percorrido vital" en galego e con traducións a dez idiomas a cargo de expertos en cada lingua.

Está editado como unha plaquette armado como un acordeón. "Reproduce o pasaporte de María Casares, que se abre como un bandoneón. Cando a Policía lle pedía o pasaporte ela preguntábase se a estaban convidando a un baile", incidiu.

Comentarios