martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

Lano Caamagno: "Son músico e avogado, de feito moitas veces tócanse ambas cousas"

Familia Caamagno. RAMÓN FEÁNS
Familia Caamagno. RAMÓN FEÁNS
Familia Caamagno reinventáronse, e non só co seu habitual cambio de vestimenta, tamén cunhas melodías máis luminosas e pop no seu último disco Había que intentalo

Familia Caamagno non son familia. Tampouco son Caamagno. E o de facer música de garaxe con regusto dos 60 xa foi quedando atrás. Dende os Surfistas nazis da praia de Lanzada ata o Castromil de Ordes, o grupo renovou as súas melodías e gastou un bo número de camisas e estilismos. "En cada disco cambiamos, pero non é algo que se poida contar, hai que percibilo e sentilo", conta Lano Caamagno, o baixista do grupo.

En Había que intentalo mudaron o seu estilo cara sons máis luminosos. Nos anteriores eramos máis autoconscientes de querer facer unha cousa máis garaxe, escura, sixty... Esta foi moito máis como saía, querendo facer algo máis luminoso, pop, new wave. Das outras veces quedaba máis como un exercicio de estilo e neste creo que non.

Tamén será cousa dos anos, o corpo pide música distinta aos 20 que aos 30?

Si, e tamén as letras, porque vas cambiando. Os discos deben representar o que son os grupos nese momento. Este somos nós neste ano. Cambiamos, non é que maduraramos, non foi algo consciente, pero o que fas cando tes vinte anos non o fas cando tes trinta. O grupo vai mutando, é algo vivo que acaba modificandose ao longo do tempo.

Arrancan con Castromil, cun ritmo alegre, cuns amigos no verán que viaxan en autobús... E despois está o videoclip, que lle dá unha boa viravolta á historia.

Gústanos moito ese ton agridoce, melodías pop e luminosas e letras que non son tanto. Neste caso o videoclip é unha toleada dos Miranda, nós dámoslles liberdade creativa absoluta. Creo que está o espírito de verán, os amigos, a iniciación... E a partir de aí, todo interpretación deles.

Tamén xogan cos nomes. Proceso soberanista non fala do que parece que vai falar.

É dunha relación de amor, pero tamén podes entender que o proceso soberanista é unha relación de amor-odio. Pódelo pensar como o que lle diría España a Cataluña e viceversa sobre a súa relación. A letra é dun amor que se remata. O proceso soberanista é un amor que remata, que foi morrendo ou que non sei se existeu, pero houbo unha relación... [Ri]

Gústanos moito o ton agridoce, melodías pop e luminosas e letras que non o son tanto

Están de moda os singles, sacan o seu primeiro traballo.

E sen ter ningún tipo de sentido dende o punto de vista económico nin dos tempos. Nunca fixeramos un álbum completo e tiñamos ganas de facelo, aínda que os tempos non apunten cara aquí. Eu non recordo a última vez que escoitei un disco enteiro. É unha cousa romántica que fixemos e non sei se volveremos a facer.

Había que intentalo e intentárono. Satisfeitos?

Si, a acollida está sendo boa e estamos tocando moito. Foi o disco que gravamos con menos confianza e do que máis contentos saímos do estudo.

Que son cando non son Familia Caamagno?

Todos temos outra actividade fóra de Familia, pero cada vez vai a máis o grupo e ten máis peso dende o punto de vista laboral. Eu creo que ningún grupo debería nacer coa pretensión de vender moito. As circunstancias da industria non dan para poder vivir disto.

Vostede de que traballa?

Son avogado. É compatible. De feito moitas veces tócanse, máis do que me gustaría. O de tocar implica que alguen contrate, establecer términos, seguridade social, as altas... Son músico, pero tamen son avogado e, sí, tócanse.

A Familia vai máis alá do escenario?

Antes que tocar na mesma banda, somos amigos. Moitos días quedamos para tomar algo. Ás veces nin fai falta chamar. A xente pregunta se vimos dun concerto ou algo, pero non... [Ri]

E hai algún Caamagno na banda?

Ningún! Non hai un único motivo para o nome, cada un cóntao dunha forma distinta. Non estamos moi contentos con el, pero é o que temos. Ao primeiro iamos tocar así cun rollo máis insti, todos de traxe, como gangsters italoamericanos. Usamos un apelido que fose ben galego, pero coa grafía italiana. Tamén porque cada vez que facemos calquera publicación sempre escribimos así, sen usar "ñ" ou "nh", unha especie de terceira vía fronte á vertente españolista e á lusista.

Lano Caamagno: "Son músico e avogado, de feito moitas veces tócanse...
Comentarios