José de Cora tratará o uso das hemerotecas dixitais nunha xornada en Santiago

A súa intervención basearase nos 110 anos de El Progreso. Cultura organiza o evento, a desenvolver o vindeiro 8 de xuño

José de Cora Paradela. EP
photo_camera José de Cora Paradela. EP

O director xeral do Grupo El Progreso, José de Cora, abordará o uso das hemerotecas dixitais como fonte de investigación na xornada Prensa histórica e xeración de coñecemento: do papel ao dixital, que se celebrará o día 8 de xuño na Cidade da Cultura. A intervención vaina facer co gallo de cumprirse o 110º aniversario de El Progreso, o xornal cabeceira do grupo, que lidera os medios de comunicación na provincia de Lugo.

O catedrático da USC, xornalista e antigo decano da Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela Xosé López García centrará a súa intervención na historia da prensa comarcal na comunidade galega nesta xornada organizada pola Consellería de Cultura.

Algunhas desas cabeceiras de prensa comarcais aínda se seguen publicando hoxe en día. Esa experiencia será trasladada pola decana da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, María Isabel González Rey, e polo presidente da Asociación de Pedagogos de Galicia, José Manuel Suárez Sandomingo. Ambos os dous compartirán o relatorio titulado A evolución de La Voz de Ortigueira na comarca do Ortegal.

Helena Verdía e Noelia Bascuas, do equipo técnico de Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia, xunto co investigador Enrique Santos Gayoso farán un repaso pola obra Historia de la Prensa en Galicia, considerado un repertorio bibliográfico de referencia da prensa histórica no noso país desde o ano 1800.

O xefe do servizo da Biblioteca de Galicia, Daniel Buján, falará sobre a colección hemerográfica de Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia, mentres que as súas colegas, Lola Rodríguez Fuentes, de Xestión de Coleccións de Publicacións Seriadas da Biblioteca Nacional de España, e Paquita Navarro, responsable da Unidade de Dixitalización da Biblioteca de Catalunya, analizarán os fondos de publicacións periódicas que se atopan nos arquivos das bibliotecas nas que traballan.

A xornada comezará ás 9.30 horas cunha intervención do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Luís Barreiro Rivas. Os expertos Sofía Vázquez e Miguel Silva explicarán tamén polo miúdo o proxecto para executar a dixitalización dun xornal tradicional.

O prazo de inscrición na xornada, dirixida a persoal técnico que desenvolve o seu labor en bibliotecas e arquivos, e tamén a investigadores e público en xeral interesados na prensa histórica como fonte de información,está na web www.cidadedacultura.gal.

Comentarios