Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

"Esta é unha historia que leva case 50 anos medrando dentro de min"

O escritor e director xeral do grupo El Progreso, José de Cora, co seu último libro. VICTORÍA RODRÍGUEZ
O escritor e director xeral do grupo El Progreso, José de Cora, co seu último libro. VICTORÍA RODRÍGUEZ

Anllóns, Ponteceso. Ano 1900. José de Cora envía a este lugar a Valle-Inclán, Manuel Otero Acevedo e Prudencio Landín a investigar unha serie de sucesos paranormais, "uns auténticos poltergeist da época". Desta aventura, que mestura realidade e ficción, saíu a súa última novela

A través do libro Mi viejo carnet, de Prudencio Landín, José de Cora (Lugo, 1951) coñeceu, sendo aínda rapaz, a historia da Casa do Demo de Anllóns. O escritor e director xeral do grupo El Progreso conta que cando rematou a súa anterior novela, El estornudo de la mariposa, inspirada na historia de Araceli González Carballo, que fora parella do espía Garbo, buscaba un tema igual de apaixonante para adicarlle un novo título. Volveron á súa cabeza os sucesos de Anllóns. E decidiu enviar alí a tres amigos a investigalos.

De onde saíu esta historia?

Cando rematei El estornudo de la mariposa comecei a pensar noutra historia que puidera equipararse dalgún xeito. Aí decateime de que teño esta outra na cabeza dende hai moitos anos.

Dende que era cativo.

Dende que tiña arredor de 12 ou 13 anos, que foi cando entrou na miña casa o libro Mi viejo carnet, de Prudencio Landín. Aínda que eu era un rapaz, o libro chamoume a atención e lin varios capítulos. Un deles era o que falaba duns estraños sucesos en Anllóns, unha parroquia do concello de Ponteceso, na Coruña, que Landín cubriu como xornalista de Diario de Pontevedra. Fíxoo estando en contacto co párroco, un tal Combarro, que lle manda uns folios co relato do que está a pasar e que el vai reproducir. Estes acontecementos son nin máis nin menos que uns auténticos poltergeist da época con todas as da lei: obxectos que voan, pedras que caen, patacas que golpean a dúas mulleres que viven alí... O caso é que aquilo a min chámame a atención. Quedei coa teima da historia da Casa do Demo de Anllóns, que era como pasou a ser coñecida. Con ela convivín ata hoxe, practicamente 50 anos.

Cando se decide a escribila.

Tiña os elementos ideais para o que eu considero que estou mellor dotado ou se me dá mellor, escribir mesturando xornalismo de investigación con literatura e imaxinación, xogar con personaxes inspirados na realidade, pero que eu podo manexar ao meu antoxo. Con todos eses elementos púxenme a escribir e resultoume un traballo tan doado que me asombrou. Fíxeno en apenas dous meses. Como se eses 50 anos que estivo a historia na miña cabeza, estivera realmente medrando dentro de min.

Na presentación en Madrid díxose o outro día que era a súa novela máis galega. O que é, sen dúbida, é a súa novela máis pontevedresa. Entre outras cousas, polos seus protagonistas, todos da provincia. Por que os escolleu?

A presenza de Prudencio Landín está xa xustificada: a través del cheguei á historia. Manuel Otero Acevedo é o primeiro personaxe que teño claro que quero como protagonista. É un médico de Pontecesures, aínda que nado en Rosario, Arxentina, que mantén ao longo de toda a súa vida a teima de relacionar o físico e o psíquico, a carne e o espíritu, de tal xeito que é neurocirurxián e, ao mesmo tempo, é espiritista. Era, sen dúbida, a persoa axeitada para protagonizar a novela. Tiña que ir alí. E decidín que o fixese acompañado dun amigo íntimo, que é Ramón María del Valle-Inclán, un tipo que non fai falla presentar.

"En Galicia mestúrase dende sempre o máis sagrado, o máis espiritual, co máis carnal. Así debe ser. O contrario sería un erro"

 

E resolven o caso?

Resolven, resolven. Aínda que Filosofía En Galicia mestúrase dende sempre o máis sagrado, o máis espiritual, co máis carnal. Así debe ser. O contrario sería un erro» digamos que o final da novela é aberto. Hai máis historia despois. Que non digo que a vaia escribir, pero está aí.

Hai aínda outro personaxe pontevedrés: a sobriña do arcebispo de Tui.

Si, un personaxe inventado. Non o do arcebispo, que si existiu, pero si o da sobriña. Necesitaba unha muller e saqueina desta familia andaluza que, por nomeamento eclesiástico, chega a Galicia. Chámase Petra Simona. É a rapaza que está conquistando Valle-Inclán e resulta que non é das que quedan na casa e se conforman. O que quere é ir canda eles a Ponteceso a investigar. E vai.

Así que tiña razón algún dos seus convidados cando na presentación en Madrid dixo que esta novela estaba «preñada de Galicia».

Díxoo o conde de Fontao. Evidentemente, todos os elementos que conflúen na historia son moi galegos. Aínda que, no fondo, isto é unha historia universal. Porque o da Casa do Demo podería ter sucedido en calquera sitio. Naquel momento, a prensa publica cousas semellantes en Alemaña, en Estados Unidos... Por tanto, a historia podería ter sido ata na campiña inglesa. O que pasa é que sucede en Ponteceso. Así que todos cantos personaxes hai son galegos. Precisamente unha das primeiras protagonistas que aparece, tamén un personaxe ficticio, está nesta dualidade tan galega, na que por un lado é moi crente, ten moi presente todas as supersticións, pero ao mesmo tempo está dominada polo sexo e pola carne. Aí está esta dualidade espiritual-carnal.

Ten dito que esta é precisamente unha novela de dualidades. Por que?

Porque é así. Como dixen, o home é un ser dual. Ten unha parte carnal e outra espiritual. Con só unha das dúas non sería home. Mesmo che diría que é un punto de vista filosófico do que parte o libro. Aquí sempre se entendeu así. Pensemos nas festas galegas, por falar dalgo moi gráfico. Todas comezan ás doce da mañá coas misas. Asistimos ao rito, paseamos ao santo e, unha vez cumprido ese requisito sagrado de respecto ao que está por enriba de nós, comeza a troula, por veces, a troula salvaxe. Hai quen critica que se poida mesturar unha actitude tan relixiosa con outra tan carnal, pero así é como somos en definitiva. Para min é unha verdadeira manifestación de humanidade. De feito, hoxe paréceme que esquecemos moitas veces a primeira parte e atendemos só á segunda. Baixo o meu punto de vista é un erro. Afastámonos dos principios máis elevados: non podemos esquecer mirar tamén para o que non sabemos interpretar.

"Esta é unha historia que leva case 50 anos medrando dentro de min"
Comentarios