ESCRITOR E VICEPRESIDENTE DO CONSELLO EDITORIAL DE EL PROGRESO

José de Cora: "Amoso a grandeza de Cunqueiro cun asasinato e cunha polémica"

Álvaro Cunqueiro estaba triunfando no periodismo de Madrid, onde chegara en 1939 cunha aura de xornalista brillante. En 1946 regresa a Mondoñedo, desfondado no seu interior moral. José de Cora recrea ese tempo en ‘El pronunciado escote de Mondoñedo’, á venda desde este luns
Jose de Cora PALEO
photo_camera Jose de Cora, no xardín da súa casa en Lieiro, San Cibrao. PALEO

A novela El pronunciado escote de Mondoñedo. Memorias algo apócrifas de don Álvaro Cunqueiro (Hércules de Ediciones) completa o ciclo Autores, formado por Secuestro y fonda en Contamina (Tris Tram, 2008), Te llamaré muerto/ Valle Inclán y Acevedo en la Casa do Demo (Edhasa, 2018) y Habla Mario (Edhasa, 2019) —dedicado ao personaxe de Cinco horas con Mario de Miguel Delibes—.

A trama do libro de José de Cora comeza co soado episodio no que Álvaro Cunqueiro perde o favor do franquismo. Incumpre unha encarga que lle fai Francia. Retíraselle o carné de periodista, que era imprescindible para exercer o xornalismo durante a ditadura. Comeza unha época difícil, solitaria e intimista en Mondoñedo.

Logo da volta do escritor á cidade natal, na obra, El pronunciado escote de Mondoñedo, prodúcese un asasinato dunha muller e levántase unha polémica moral sobre as pinturas da catedral, que foron pintadas no século XIV e aínda se conservan.

Antes de que falemos deste novo libro gustaríame situalo no seu contexto. É a cuarta e derradeira obra da súa tetraloxía ‘Autores’.
A idea non era tanto facer homenaxe a autores da miña complacencia, que tamén, senón escribir sobre figuras que me parecía que eran personaxes literarios en si mesmos.

Son Camilo José Cela, Ramón María del Valle Inclán, Miguel Delibes e Álvaro Cunqueiro.
Cela é un personaxe; Valle Inclán non fai falta demostralo, como acontece con Cunqueiro. No medio da escrita do ciclo apareceu o centenario de Delibes. Miguel Delibes non é un personaxe en si mesmo. Non era factible. Pero Mario si que me pareceu un personaxe. Bota cinco anos aturando a muller, que quedara sen réplica. Cando escribín ‘Habla Mario’ pensei en se Mario tiña aguantado a prosma que lle soltou a muller.

"Cunqueiro é un personaxe inabarcable, poliédrico; máis do que poden selo Cela e Valle Inclán"

Por que elexiu a Cunqueiro para pechar?
Pola admiración e polo meu parentesco provincial con el. Levo catorce anos con este ciclo. Tiña na cabeza que a última novela, a que pechase o ciclo, fose protagonizada por Álvaro Cunqueiro. É un personaxe inabarcable, poliédrico; incluso máis do que poden selo Cela e Valle Inclán.

Os tres son galegos. Iso é unha casualidade ou hai unha tendencia na personalidade galega a teatralizar a vida.
É causalidade. Mario, o personaxe de Miguel Delibes en ‘Cinco horas con Mario’, é universal, pero ao mellor naceu en Becerreá.

Jose de Cora PALEO
Jose de Cora. PALEO

'El pronunciado escote de Mondoñedo’ empeza cun Cunqueiro derrotado.
Arranca cun acontecemento hiscatórico, cando o réxime lle quita o carné de periodista por incumprir a palabra dada á embaixada francesa. En Francia estaba o Goberno de Vichy, pero é acto terrible non cumprir os seus desexos, o que lle pide o embaixador francés. Na novela séntese desprazado e menosprezado. É o momento en que abandona o xornalismo e empeza a carreira narrativa. Fixera poesía e artigos. Cando chega a Mondoñedo aparece morta unha funcionaria de Correos. Está espida e ten tatuada unha espada nas costas. Nos anos 40, unha morte así en Mondoñedo é a ‘comidilla’. Fai que se implique na investigación. Utiliza os seus recursos do traballo literario: a fantasía, a maxia, a bruxería, a gastronomía,... Por outra banda, hai mulleres da alta sociedade lucense —porque non é soamente mindoniense— que consideran un escarnio ao catolicismo que haxa unhas pinturas medievais na catedral de Mondoñedo nas que hai unha muller con tez escura que ten os peitos ao aire. O asasinato e a polémica serven para que Álvaro Cunqueiro e os mindonienses se pronuncien sobre a censura. O Vaticano está cheo de obras con persoas espidas.

A morte e o sexo son dous temas que están presentes en toda a súa obra.
Son inevitables. A orixe da vida e o final do tempo que se nos concede. A min paréceme pouco. Cando empezas a saber das cousas, petan na porta para dicirche que tes que marchar.

Volvamos sobre a súa percepción de Cela, Valle Inclán e Cunqueiro como personaxes. Cela e Valle Inclán parecen conscientes de selo; Cunqueiro, non.
Cada un deles constrúe o seu personaxe. Cela fai unha representación. Con 20 anos xa coleccionaba cousas para o seu museo de Padrón. Valle Inclán traballa no mesmo. Está por estudar, a pesar de que é o máis estudado dos tres. Álvaro Cunqueiro é sincero, pero tamén é poliédrico: pode ser da Falanxe, galeguista, españolista, de dereitas, escribe en castelán e galego... É un erudito que non se sabe cando deixa de selo e mente. Mente con naturalidade, sabe dicilo e dá igual. Cando fala da relación do conde de Bretoña e a súa relación cun marqués é difícil saber se mente. Non me importa como lector. Na novela fai unha visita a unha sabia —non vou chamala meiga—, que vai ser clave na resolución do asunto da novela, como se visitase ao bispo de Mondoñedo.

"Definía Mondoñedo como a 'cunquiña deleitosa' na que se recuperan tanto a saúde como a moral"

Se o comparamos cos outros dous personaxes, Álvaro Cunqueiro parece ser o máis inocente deles tres.
É o que menos teatraliza. A súa maneira de ser é máis natural da que teñen os tres. Aínda que é difícil meterse no pelexo de Valle Inclán. Hai opinións moi diversas sobre el. Pío Baroja non tiña unha opinión positiva de Valle Inclán. Dicía que escribía mal. Sobre Cunqueiro non se pode dicir que non escribe ben. Valle Inclán vaise ás veces por construcións arrevesadas, pero pode permitirse facelas porque sabe escribir.

Escolle vostede un dos momentos máis tristes na vida de Álvaro Cunqueiro, no que se rende e volve a Mondoñedo desde Madrid, onde estaba o centro do éxito profesional, para tratar de repoñerse do seu fracaso esperando a que pase a treboada.
Porque é o seu momento máis descoñecido, é o momento máis interesante deste autor. Antes de escribir a novela estiven valorando en que momento entra Álvaro Cunqueiro na historia. Como encaixa? Estaba claro que tiña que estar en Mondoñedo. Podía ser neste momento en que regresa ou podía ser nalgunha das veces que volvía a Mondoñedo cando ía desde Vigo, onde vivía. Ao final, quedei con ese Álvaro Cunqueiro aldraxado e baixo de moral. Definía Mondoñedo como a "cunquiña deleitosa" na que se recupera a saúde e a moral. Así que en ‘El pronunciado escote de Mondoñedo’ póñolle un asasinato e unha polémica social para que puidese manifestarse en toda a grandeza que acabaría tendo. Pensemos en que daquela Álvaro Cunqueiro aínda era bastante novo, tiña uns trinta anos.