Jorge Coira dirixe a Chévere na versión para cine de 'Eroski Paráiso'

O realizador e a compañia de teatro empezaron a rodaxe da película o martes en Teo ► A produtora do creador lucense reuniu 12.300 euros para un documental sobre Beiras

Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, en 'Eroski Paraíso'. CHÉVERE
photo_camera Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, en 'Eroski Paraíso'. CHÉVERE

LUGO. O director lucense Jorge Coira e a compañía Chévere empezaron onte a rodaxe da película ‘Eroski Paraíso’, que será a versión cinematográfica da obra teatral. O texto trata a evolución dunha parella dende que se coñecen nunha discoteca ao longo de 25 anos. A filmación desenvólvese nun decorado instalado no teatro da Ramallosa, en Teo, e máis en exteriores de Muros, Mazaricos e Arcos.

O escenario é o supermercado de Muros no que traballa Eva, que ocupa o local onde estivo a discoteca Paraíso e onde coñeceu a Toño. Tiveron unha filla, Alexandra. Despois emigraron e acabaron separados. Pasado un cuarto de século, Alexandra, que vive en Barcelona, regresa a Muros para facer unha película (Eroski Paraíso) sobre os seus pais. O director declarouse interesado por unha trama «que conta a través da historia dunha parella como cambiou Galicia nestas décadas». En definitiva, valerse «de algo pequeno para contar algo grande».

Chévere presenta a súa obra como «a promesa dun paraíso social feita por un estado de benestar que agora se desmorona». Ese «paraíso prometido» revelouse como «un gran hipermercado» no que entrou «unha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de márketing que se usan para influír nas decisións de compra».

A representación contou cos actores Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Fidel Vázquez, Luís Martínez, e foi dirixida por Xesús Ron sobre textos de Manuel Cortés.

O director lucense vén de rematar a rodaxe da serie policíaca 'Hierro' no illa canaria, onde permaneceu durante cinco meses

A rodaxe é producida por Chévere e Ollo Vivo, a empresa na que participa o propio Coira, así como o seu irmán Pepe Coira e Gaspar Broullón.

Beiras. Ollo Vivo xa conseguiu tamén o financiamento que precisaba para un documental sobre o histórico líder nacionalista Xosé Manuel Beiras, ‘Vivir dúas veces’. Unha campaña de crowdfunding co obxectivo de 10.000 euros, proporcionoulles 12.300 euros. A gravación non será continuada, senón que se irá desenvolvendo en encontros co protagonista.

O proxecto ten dúas partes: unha longametraxe documental e un webdoc onde os usuarios poderán seleccionar o material e acceder ás charlas íntegras. A rodaxe está prevista para a primavera de 2019 en Santiago.

‘HIERRO’. Jorge Coira vén de rematar cinco meses de rodaxe de ‘Hierro’, na illa homónima das Canarias. O cineasta lucense colabora con Pepe Coira, o creador desta serie de oito capítulos que terá 52 minutos de duración.

Segundo explicou o seu creador, trátase dun thriller ambientado na illa canaria que comeza cando o cadáver dun rapaz con signos de violencia aparece como consecuencia dunha erupción volcánica. Un empresario local é enviado a prisión co convencemento xeral da súa culpabilidade. Unha xuíza cun temperamento especial decide liberalo.

No equipo de guionistas figura a galega Araceli Gonda.

Os tres traballan para Movistar e a francesa Arte neste produto que ten programada a súa posta de longo para o ano vindeiro.

Comentarios