sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

Jorge Coira recibe o Pedigree de Cans "no mellor momento"

Jorge Coira, co premio en Cans. C. ANDINA A. BARAHONA
Jorge Coira, co premio en Cans. C. ANDINA / A. BARAHONA
O director de Rábade recolleu un galardón que destaca a súa achega ao audiovisual galego

Jorge Coira está contento de ser homenaxeado cando "aínda non" cumpriu 50 anos. "Teño corenta e pico", alega. "Casei con trinta e pico". Cumpre dentro dun mes e medio, a finais de outubro. Empezou con 15 anos, cando o seu irmán Pepe, oito anos maior, lle prestou a cámara de VHS que se comprara. O Festival de Cans, no Porriño, premiouno o venres, tres décadas máis tarde, co Pedigree a esa traxectoria.

Pepe estivo detrás sempre. Foi quen lle ensinou a amar o cine e quen lle regalou o libro de conversas entre Truffaut e Hitchcock. Daquela Jorge aprendeu as dúas visións do cinema. Os irmáns Lumière buscaban a verdade e Méliès buscaba o espectáculo. "Este premio chega no mellor momento da miña carreira", apunta o director de Rábade.

O pai de Jorge e Pepe tiña unha cámara de súper 8, "demasiado cara para usar". Cando empezou a manexar a cámara de VHS filmou unha película. Logo entendeu a alternancia do plano e contraplano. No colexio dos Franciscanos,en Lugo, quixo rodar El fantasma inquisidor, influída por El ángel exterminador de Buñuel.

No paso ao instituto, aos Ollos Grandes, evolucionou do surrealismo ao terror para contar a historia de Noctífer, "un vampiro que vivía en Lugo" e que, basicamente, era o hoxe famoso actor Luis Tosar.

Plano e contraplano. Iso estaba claro. Un día estaba montando e, cando o viu Pepe advertiulle: "Non te das conta de que os dous personaxes miran cara á dereita?". Aprendeu a regra do eixo e reparou en que non podía formarse pola súa conta. Apuntouse durante dous anos consecutivos na Coruña a cursos de Víctor Erice. Aprendeu "centos de cousas". Este venres lembraba o xeito en que o profesor conectou a modernidade das Meninas de Velázquez coa película Ciudadano Kane.

Con esa base logrou entrar en Pratos combinados como guionista para avanzar ata a dirección de series como Mareas vivas, Terra de Miranda ou Entre bateas. Tamén chegou o seu primeiro filme: O ano da carracha. E chegou o gran salto ao baleiro con Hierro. Saiu ben, pero tardou cinco anos en saír. Chegaron a Antena 3 co respaldo de que o proxecto fóra premiado no Festival de Berlín. Non se entenderon coa produtora, que desbotou a idea ao ano. Acabou sendo apoiada por Movistar+. "Demos tumbos porque era un proxecto que estaba ben en Europa, pero adiantado en España".

A mediados de mes comeza novo traballo, Rapa. Volverá rodar en Galicia e volverá facelo co irmán maior que lles prestou unha cámara abondo barata.

Pepe Coira: "Sorprende como Beiras compatibiliza desfrute e compromiso"
Os irmáns Pepe e Jorge Coira firman con Gaspar Broullón Vivir2veces, que se presentou no Festival de Cans. Trátase "dun documental non sobre Xosé Manuel Beiras, senón con Xosé Manuel Beiras". A diferenza explica por que é a primeira vez, tras medio século liderando o nacionalismo galego, que se fai un perfil sobre Beiras. Pepe Coira responde á cuestión de como lograron que o político de 85 anos accedese a colaborar con eles. En vez de buscar nos arquivos e trazar un percorrido vital, elexiron que o propio Beiras "se contase en primeira persoa".

Achegáronse á figura dende tres puntos de vista. O primeiro foi unha conversa con amigos cos que falou sobre nacionalismo (Xosé Luís Méndez Ferrín), política (Martiño Noriega), esquerda (Gerardo Pissarello), arte (Ánxel Huete) ou música (Luis Soto). Jorge Coira apunta que, afeito a ver a Beiras falando en lugares públicos, sorprendeuno "comprobar o que lle gusta escoitar aos seus amigos".

A segunda proposta era que se rodase en lugares importantes na súa vida –Santiago, París, o mar e o Parlamento galego–. A visión queda completa con doce fotografías que o protagonista considera importantes na súa experiencia.

Vivir2veces será estreada en Santiago para os 300 mecenas que sumaron o presuposto de 12.000 euros. Posteriormente pasará a ser proxectado en cines.

Pepe e Jorge Coira revelan, preguntados por separado, que, a maiores do pracer por escoitar de Beiras, descubriron a capacidade para "disfrutar das cousas". Pepe Coira avanza na reflexión: "Sorpréndeme que compatibilice ese disfrute co compromiso social".

Jorge Coira recibe o Pedigree de Cans "no mellor momento"
Comentarios