Javier Veiga: ''El humor de la TVG es blanco o verde, pero nunca sobre política''

Javier Veiga (Pepe Ferrín. AGN)
photo_camera Javier Veiga (Pepe Ferrín. AGN)

Javier Veiga (O Grove, 1973), máis popularmente identificado como javierveigaeldelclubdelacomedia, como el mesmo recoñece, comezou no teatro.

Agora ponse tamén do outro lado da cámara: está a preparar a súa primeira longametraxe como director e xa leva máis de 30 premios pola súa última curta, Sálvame, que o propio Veiga escribe, dirixe e protagoniza. O último foi no Festival de Cans, no Porriño, onde recibiu o visto bo do público e do xurado.

Pregunta: Que público e xurado se poñan de acordo, como en Cans, é algo pouco habitual, non si?

Resposta: Si, é pouco habitual, primeiro porque non se poñen de acordo e ademais porque hai unha tendencia a que se o xurado coñece o veredicto do público, danllo a outro para repartir, sobretodo nos festivais de curtas, que serven para apoiar iniciativas. E á parte é pouco habitual que unha curta poida chegar ao público e tamén ao xurado, que adoita buscar cousas máis pedantes ou cinéfilas.

P: Está preparando tamén unha longametraxe...

R: É unha comedia romántica bastante de xénero, unha historia bastante clásica tamén, ten unha linguaxe e un tipo de trama moi actual, moi directa e pouco habitual nunha comedia romántica, que adoitan ter unha linguaxe máis edulcorada. É unha comedia romántica bastante cañera ou realista. Chámase 31. Unha comedia antirromántica, e estamos na fase de resolver temas pecuniarios, que tal como está o mercado, é complicado montar unha película.

P: Volverá desdobrarse como actor e director, ao estilo Woody Allen?

R: Aínda non está financiada a película, hai ideas, e teño falado con algún actor, e que eu estea como actor e director depende da aposta da produtora, penso que é complicado.

Supoño que terei que claudicar, aínda que vou intentar facer as dúas cousas. En cinco ou seis meses espero saber como se levanta definitivamente esta historia, e xa na segunda ou terceira verei de facer algo máis chulo, se podo.

Polémica homenaxe
P: Na gala dos Premios Chano Piñeiro a súa homenaxe a Fernán-Gómez valeulle unha rabieta de Jaime de Armiñán...

R: He, he, he... Foi unha cousa curiosa, porque pasei máis pena ca vergonza. Se me pillase con algo menos de experiencia, supoño que me poría moi nervioso porque foi algo violento, pero me deu pena, porque foi evidente que non entendeu o que estaba pasando, e que estaba un pouco máis para alá que para acá, e sobretodo nun tipo tan lúcido. Con algúns anos menos, non só pasaría un mal rato, senón que podería ter contestado, o que sería absurdo, porque o homenaxeado era el.

P: Foi esa a vez que peor o pasou sobre o escenario?

(Vídeo: David Cabezón. AGN)


Televisión, ¿un trampolín?
P: É necesaria esa presenza pública a través da pantalla para poder realizar outros proxectos?

R: Máis que ser necesario, eu non son dos que cren que a televisión sexa un xénero menor. Entendo a televisión, o cine e o teatro como medios equitativos, nos que se poden facer produtos bos ou malos, independentemente do soporte. A televisión ten a vantaxe da popularidade, que é 'cojonuda' por unha cuestión laboral, porque te permite acceder a máis traballo, chegar a un produtor, ao público...

P: E que é o que se espera de vostede debido á súa fama?

R: Eu supoño que a parte inevitable é a de cómico, porque o que máis repercusión tivo foi O club da comedia, porque foi un formato novidoso que calou moito na xente e durante moito tempo e aínda o sigo tendo na espalda, o cartel de Javier, eldelclubdelacomedia. É algo normal, e ten partes boas e malas.

Humor na TVG
P:
Prodigouse moito pola televisión, pero non o temos visto pola TVG...

R: Traballei máis que en cousas puntuais. Non hai ningunha razón especial, basicamente non encontramos o proxecto, ou ás veces hai intención de facer algún tipo de programa de noite, tipo late-night, pero durante moito tempo non foi fácil facer un programa así, porque non sei ata que punto se dan as condicións para facelo.

Fai falta por unha parte cartos e tradicionalmente aquí ten habido un pouco de, non sei se censura, pero si de dificultade para poder falar destas cousas.

Galicia necesita avanzar bastante nese sentido, de rir de todo, de poder facer leña de todo. En Cataluña, a revolución de Buenafuente residiu en ser capaz de facer un programa no que se metían co Goberno, coa Generalitat, sen ningún problema. E aquí para isto aínda nos falta.

P: Parece mentira que isto ocurra na capital do humor...

R: Si, é un humor que se permite na rúa, pero na televisión, non. O humor que se fai na televisión é moi moi branco ou humor verde. Pero coa política e cos valores establecidos hai unha inmunidade aínda grande que costa quitar, porque o público habitual da galega foi sempre un público maior.

A cultura popular xuvenil de Galicia nunca foi paralela á Galega, coa excepción do Xabarín Club, que sen embargo non tivo continuidade, os rapaces que medraron co Xabarín non teñen agora un programa referencial na Galega. Iso é un problema.

"Cheguei ao teatro grazas a unha profesora reintegrata"

P: Arrepentiuse nalgún momento de deixar colgados os estudos de Arquitectura?

R: En realidade, matriculeime en Arquitectura na Coruña, pero nunca estudei. Estiven catro meses, pero case por unha circunstancia de adolescente atolondrado, que quería ir a Coruña porque a miña moza estaba na Coruña, e alí só podía elixir ou Arquitectura ou Informática, ou Náutica, e como Informática e Náutica non me gustaban, dixen: "Pois Arquitectura". Non había ningunha outra razón.

P: E o da interpretación foi igual de casual?

.

Comentarios