Viernes. 18.01.2019 |
El tiempo
Viernes. 18.01.2019
El tiempo

Jaureguizar recibe o Del Riego recoñecéndose parte dunha xeración desencantada

Ricardo F. Colmenero e Santiago Jaureguizar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Ricardo F. Colmenero e Santiago Jaureguizar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O xornalista de El Progreso recolle un dos premios de Xornalismo de Afundación por 'Pólvora sen magnolia na discoteca Clangor'. O Camba foi a mans de Colmenero por 'La comunidad'

Liberté, Égalité, Beyoncé era o lema que levaba serigrafiado na súa camisola o xornalista de El Progreso Santiago Jaureguizar, onte, cando recolleu o Premio Francisco Fernández del Riego no Café Moderno. "Era o lema da Revolución Francesa, pero cambiando aquilo de 'fraternité' por algo máis agradable que é esta cantante norteamericana tan guapa. Aínda que estaba pensando que tiña que ter traído outra con outro lema francés que di Sous les pavés, la plage, Baixo os adoquíns, a praia, do 68, porque quizais ten máis que ver coa miña columna".

Os Premios de Xornalismo de Afundación fóronlle entregados este ano a Santiago Jaureguizar e a Ricardo F. Colmenero. O primeiro gañou o galardón que recoñece textos en galego, o Francisco Fernández del Riego, polo artigo titulado Pólvora sen Magnolia na Discoteca Clangor, publicado en El Progreso e en Diario de Pontevedra dentro do suplemento Táboa Redonda. Ricardo F. Colmenero gañou o de lingua castelá por La comunidad, publicado en El Mundo. O xurado do certame está formado por Alfredo Conde, Víctor Fernández Freixanes e Gervasio Posadas, este último director do Ámbito Cultural de El Corte Inglés, patrocinador do certame. Carlos Valle é o seu secretario. Cada galardón está dotado con 6.000 euros. Á entrega asistiu o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet.

Jaureguizar recolleu o seu premio recoñecéndose como parte dunha xeración galega desencantada co presente. "Pertenzo a unha xeración de galegos que por primeira vez puido ir en masa estudar a Santiago grazas á política de bolsas que puxo en marcha a autonomía acabada de inaugurar. Nunca antes pasara isto. Empezábase a desenvolver este país como tal, algo que non sucedía dende a Idade Media", contou. "Pero aquilo pasou e hoxe estamos estancados. Non avanzamos. A xente renuncia a escribir en galego, a facer música en galego... É frustrante ver que 30 anos despois estamos no mesmo punto".

O acto de Afundación cambiou este ano o seu formato. Pasou de entregarse a última hora da tarde a facelo ao mediodía. Os artigos non se leron durante a entrega e incluiuse unha conferencia a cargo dun xornalista, neste caso Xaquín López.

Jaureguizar recibe o Del Riego recoñecéndose parte dunha xeración...
Comentarios