Jaione Camborda: "Sempre parto de preguntas nos meus filmes"

A estrea da súa nova película O Corno será no Festival Internacional de Cine de Toronto
Jaione Camborda durante a rodaxe de 'O Corno'. MARIO LLORCA
photo_camera Jaione Camborda durante a rodaxe de 'O Corno'. MARIO LLORCA

Jaione Camborda (Donostia, 1983) está a piques de estrear a súa segunda película. O Corno é unha road movie ambientada nos 70 que segue a María, unha muller que gaña a vida mariscando e que é coñecida por axudar a outras mulleres nos seus partos, que se ve obrigada a fuxir a Portugal tras un suceso inesperado. A película chegará a Galicia inaugurando o Festival Curtocircuíto de Santiago tras pasar polos festivais de Toronto e San Sebastián. Estará nas salas o 11 de outubro.

De onde xorde a idea para O Corno?
Sempre intento que os meus filmes estean moi vinculados ás miñas inquedanzas de cada momento e nese momento estaba tendo moitas preguntas con respecto á capacidade da muller de dar vida e esa relación tamén incluso de dar morte. Sempre parto de preguntas, e adoito rematar tamén con moitas máis preguntas no proceso. Pero xorde da necesidade de indagar nesa cuestión.

Foi difícil atopar apoios e financiamento?
En Galicia temos a sorte de ter axuda ao cinema e hai que coidala porque non en todos lados a teñen. Iso facilita un pouco levantar un filme, pero en xeral o cine de autor e sobre todo que unha muller teña máis orzamento é complicado. Pero as políticas de discriminación positiva son un avance, e ademais agora hai mulleres gañando moitos premios en festivais e sendo a punta de lanza, entón tamén están mudando un pouco as cousas.

Cando saiu Arima (2019) falouse moito de inspiración lynchiana. Pode nomear a algún artista que servira como inspiración para O Corno?
É un compendio de moitas influencias, non unha soa. Pero si hai un filme de Artavazd Peleshian, Vida, que para min foi bastante importante e que podería ser un referente. Aínda que despois estéticamente se afaste bastante pode estar no xerme de influencias. A David Lynch resaltárono moito o xornalismo e a crítica, pero igual non era o meu referente máis forte. Ás veces un fai algo influenciado por uns autores e logo aparece unha influencia forte e nin sequera te decataras de que estaba aí. 

Igual é mellor chegar a menos xente pero darlles algo saudable que chegar a máis e darlles algo máis nocivo

Vida é unha reflexión entre a dor da muller dando a luz e a vida que crea. É así como quere amosar a maternidade na súa obra? Con ese contraste entre a dor e a beleza?
Ten algo diso tamén. É un filme moi físico, que intenta aproximarse á muller e ao parto como algo máis mamífero. Si, tamén está esa idea.

Ata o momento tratouse a maternidade como algo máis abstracto?
Creo que estamos acostumados a que se representase o parto na historia do cine dunha maneira máis histriónica ou histérica, e máis psicolóxica. Despois da miña propia experiencia e de investigar atopas que é un proceso máis físico e instintivo, animal.

Este ano, coa estrea de O Corno e Matria estamos vendo máis películas con protagonistas femininas. Hai unha corrente de cine sobre mulleres?
Si, claro, é un momento no que a muller está collendo a batuta da dirección e o guión e van saír máis personaxes femininos, e está tamén sobre a mesa que estamos esixindo á sociedade máis pluralidade. Nese sentido si estamos atopando máis protagonistas.

Cre que existen as historias de mulleres? Que existe unha sensibilidade feminina?
Penso que non hai cine de mulleres, senón cine. Pero tamén entre mulleres somos moi diferentes, simplemente ampliamos a pluralidade de miradas que poida haber sobre o mundo e polo tanto sobre o cine.

Cría posible a estrea dunha película en galego en Toronto e San Sebastián? Están cambiando as cousas para o cine galego?
Dende Galicia estase facendo un cinema máis aló das fronteiras e cunha linguaxe moi universal, que está propiciando que o galego poida chegar a eses puntos. Creo que responde a que en Galicia se está creando un bo cinema. Tamén creo que no estranxeiro sempre foron interesantes as linguas en xeral, que lles gusta escoitar un idioma diferente. Quizais no Estado español si que había máis reticencia cos idiomas cooficiais.

Still de 'O Corno'. CEDIDA
Still de O Corno. CEDIDA

Moitos están preocupados sobre o futuro das salas de cine. Vostede é optimista?
É complicado. As plataformas teñen moito poder e o consumo é cada vez máis rápido. De feito creo que é político, ás veces, considerar outro tempo de experiencia cinematográfica. É saudable frear un pouco, eu sinto que é bo ofrecer unha resistencia a iso. A pandemia tampouco fixo nada bo polo cinema, claramente, e as salas sufriron moito. Pero o cinema deuse por morto moitas veces e sobreviviu, e teño esperanzas de que perdure sobre todo o acto de gozar de algo en comunidade, porque estamos cada vez máis illados consumindo audiovisual nas nosas casas. Creo que nun momento imos volver a compartir e nese sentido creo que as salas van ter algo que dicir tamén.

Falamos de que cada vez hai máis películas con mulleres como protagonistas. Por exemplo temos o caso de Barbie, unha película sobre mulleres e dirixida por unha, pero que ao final é unha produción dun gran estudio. Ve o seu éxito como unha vitoria?
Non vin a película, pero creo que é importante que a muller teña os mesmos dereitos que os homes e que teña máis orzamento se quere, que normalmente é raro. O cinema comercial per se non é un problema, pero ás veces esa linguaxe que dá ao público é mais nociva, cun ritmo máis frenético e un entretemento que igual nos ten máis sedados. Igual é mellor chegar a menos xente pero darlles algo saudable que chegar a máis e darlles algo máis nocivo. Pero non sei se é o caso de Barbie.

A primeira barreira que rompe un actor é abrazar un pouco a loucura

Volvendo a O Corno, como foi a rodaxe?
Tivo bastantes retos, porque rodamos con animais e bebés pequenos. Ademais é unha road movie e cambiamos de localización case cada día, mudaba o espazo con nós. E é un filme bastante nocturno e cambiabamos de horario constantemente e iso foi bastante duro para o equipo. Houbo unha dificultade a maiores que parece unha tontería pero que na rodaxe foi importante, que foron as mareas. Gravamos especialmente na Illa de Arousa e as mareas nos afectaban moito porque cambiaban o espazo a unha velocidade vertixinosa, e para rodar e que houbera raccord tiñamos moi pouco tempo. Pola miña banda foi un reto tamén porque eran unha dimensión e un equipo máis grandes do que estaba acostumada, pero foi un reto do que gocei, aínda que levas unha mochila de responsabilidades.

Na película hai actores profesionais e non profesionais. Por que tomou esta decisión?
Janet [Novás, a protagonista], por exemplo, vén do ámbito da danza porque nese personaxe necesitaba algo moi físico. Buscabamos a xente aos que creras como moi reais e da zona, pero á vez o filme tamén ten arcos dramáticos e esixía ter capacidade actoral. Nese sentido conseguín equilibrio entre os papeis que talvez necesitaban máis formación e outros que igual non a precisaban. Sempre considero que Janet non partía de cero, que está moi acostumada a estar en escena, e xa rompera a primeira barreira que rompe un actor, que é abrazar un pouco a loucura e as emocións intensas e mostralas cara un público, alguén que te mira, e ser capaz de chegar a emocións moi afastadas de ti.

Cales son os temas fundamentais da súa identidade como cineasta?
Vou vendo algún patrón, un vaise descubrindo. Creo que hai un patrón na relación entre o animal e o home. Para min é unha da inquedanzas exemplares. Logo, se falamos de que as mulleres estamos empezando a facer cine, creo que temos a sensación de que nos miramos no espello do cinema por primeira vez tras anos de velo a través dos ollos do home. Entón paréceme normal que exploremos o máis esencial: a nosa infancia, os primeiros pasos á madurez e por suposto a capacidade de dar vida e a maternidade.

Ten máis proxectos en mente?
Si. Agora estoume dando un tempo porque este filme foi unha voráxine. Necesito saber primero que me devolve e que me devolven os espectadores e estar segura do seguinte. Ao final son moitos anos involucrada no proxecto e tes que estar vinculada a el. Quero estar segura de cal vai ser o meu seguinte rumbo.

Comentarios