Iván Prieto: "As miñas figuras son 'tripolares' polo estado mental"

O artista do Barco inaugurou a mostra 'Tripolar' na sala La Catedral II de Lugo
Iván Prieto na galería La Catedral II. XESÚS PONTE
photo_camera Iván Prieto na galería La Catedral II. XESÚS PONTE

Iván Prieto non podía respirar ás veces pola contaminación de Berlín. "Ías na bicicleta e che viña todo aire", comenta. Agora está mellor, os ataques son máis casuais e breves. "Estou máis en contacto coa natureza; tanto en Teo, onde vivo, como no Barco, onde teño un estudo".

Pero a angustia dos anos berlineses quedou pegada á súa obra, pero tamén quedaron encoladas ás súas pezas as cores vivas que pintan toda a cidade alegrando o gris do fume e o negro das bicicletas. O creador ten unha influencia tácita do pop, a falta de rixidez e o hedonismo característico dos Bacabú tras vivir oito anos en Lugo.

Iván Prieto mira a súa instalación 'Manipulación' /XESÚS PONTE
Iván Prieto mira a súa instalación 'Manipulación' /XESÚS PONTE

A galería La Catedral II de Lugo serve dende este venres para expoñer a Tripolar. A exposición está composta por unha vintena de figuras. Unhas buscan reunirse, como as que forman Equilibristas, e outras prefiren quedar apartadas, tranquilas.

As pezas están montadas en cerámica ou en resina. O resultado son obras como Manipulación, na que un home femineizado cunhas medias fucsias, unhas bragas negras e unha chaqueta curtísima en amarelo move os fíos que atan unha muller axeonllada e sometida.

As figuras son animais con forma humana e actitude desilusionada, e persoas que amosan un aspecto e brutalidade animais

As figuras son animais —porcos ou coellos—con forma humana e actitude desilusionada, e persoas con aspecto e inconsciencia animais. Algunhas son homes con orellas de lebre ou fuciños de cocho. Son seres con dobre natureza que "sufren transtornos" e padecen unha decadencia "no seu estado mental que os convirte en tripolares".

As paredes sosteñen bustos sometidas a presións emocionais que adoptan forma dunha pinga azul de auga tan grande como a cabeza branca que a tortura ao xeito chinés ou cabezas verdes que estoupan inchando guante de fregar que representan mans. Todas as caras miran ao espectador, esfórzanse por contemplalo; pero pechan os ollos porque non soportan ver a vida, tan áspera.

As  Equilibristas son un grupo de rapazas que bailan sobre unha mesa longa. As cabezas son minúsculas e os corpos están inchados porque non dan respirado e porque as billas dos seus peitos están pechadas. Despois de someterse á opresión e ao afogo, o espectador se adentra no fondo da sala para relaxarse cos xogos que Prieto lle ofrece nun collage ata o 15 de novembro.

Comentarios