Iván Prado: ''Ser payaso significa defender el poder del corazón ante los muros''

É difícil falar cun home que é un rebulir. Iván Prado (1974) –“non quero dicir a idade, que son moi coqueto”, bromea a través do teléfono– capitanea estes días o I Festiclown de Palestina, unha iniciativa na que participan 40 artistas de todo o mundo–, e que nestas semanas está levando un anaco de felicidade á poboación con shows de circo ou maxia. “Queremos que saiban que non están sos”, di.

P:  O Festiclown está chegando á recta final. ¿Cal é o balance?
R:
  Absolutamente extraordinario. Tivemos actuacións con 6.000 persoas, estivemos cos nenos e nenas nos colexios, nos campos de refuxiados, nos hospitais. E tamén tivemos a oportunidade de contactar con artistas locais e actuar xunto ao muro de Cisxordania. Isto demostra que o Festiclown é un artefacto para a esperanza.

P: É comandante deste exército de narices vermellas, pero non actúa porque di que non é ético...
R:  Cando dirixes non é moi ético programarte a ti mesmo. Nesta ocasión si que fixen un pasarrúas eu só e sentinme moi feliz.

P:  ¿Cal foi a maior dificultade para programar o festival?
R:
O máis difícil é actuar nun país que maltrata, que humilla a xente, que a ten asustada, no que hai valados de oito metros, no que é difícil circular libremente. É moita presión á hora de organizar.

P:  Antes de marchar confiaba en que non fose expulsado, como ocorreu en 2010. No entanto, a pasada semana detivéronos nun control. ¿Foi o peor momento?
R:  Non. O peor foi no check point de Calandia. Tivéronnos a 500 persoas nun dos cubículos. Nese momento dixen que non conseguirían impedir que fixésemos o festival e realmente conseguímolo.

P:  Hai anos que xa tivo que sortear en Palestina morteiros, mísiles... ¿Considérase un temerario?
R:  Considérome un okupa do corazón, un guerrilleiro do amor, un casco azul da liberdade. Ser pallaso é un compromiso coa humanidade, unha forma de estar no mundo, de defender a liberdade da xente a través da risa; é o poder do corazón ante muros e tanques. Somos artistas con plans para defender cousas reais para a sociedade, como a actuación dos políticos, dos burócratas grises, das petroleiras...

''O circo debe ser unha palanca para cambiar o mundo''
P: ¿A que ten medo?
R:
  Á pasividade, a indiferenza, a deixar que se che escape a vida entre os dedos.

P: Tanto que fai rir, ¿pero vostede de que ri?
R: Teño risa moi solta. A verdade é que me río bastante

P: ¿Leva algún muro dentro, ademais do muro físico de Cisxordania?
R: Toda a xente ten muros interiores. Nós, como pobo galego, temos o muro da longa noite de pedra do franquismo. E en Lugo, a muralla que rodea a cidade, tamén nos rodea a nós.

P: ¿Cómo se sente ao ser un dos pallasos máis mediáticos de Europa?
R: (Gargalladas) Non me sinto máis mediático nin nada. O que me interesa é comunicar o que é un clown, o festival. Levo aquí dous meses, durmindo tres horas e traballando arreo. Non me interesa ser famoso.

P: ¿Cal é o seu concepto de circo contemporáneo?
R: Pois debería ser unha palanca para cambiar o mundo.

P: O Festiclown fai rir, pero tamén fai política...
R:
Totalmente. Faise vendo unha película, se vas comer ao Mc Donalds, nas relacións... Todo na vida é política. Non é igual, por dicir algo, contratar para unhas festas a Chayanne ou o Berrogüeto. É unha escolla.

P: ¿Qué significan para vostedes as siglas ONU?
R:
¡O no! (Risas) Que non se pode esperar nada desa xente.

P: ¿Cómo desexaría que fose o final do Festiclown?
R: Pois cunha declaración de todos os países para que non tivesen acordos comerciais con Israel, para que non lle vendan armas. Porque Isarel non é un país; é un estado militar que está cometendo un xenocidio contra a humanidade. Cada día atenta contra a dignidade humana.

Comentarios