Martes. 18.12.2018 |
El tiempo
Martes. 18.12.2018
El tiempo

Iván Olmos Ferreiro, campión mundial de discursos en español: "A oratoria política é mala"

Iván Olmos. EP
Iván Olmos. EP

O gañador, ourensán, do campionato mundial de discursos en español, a pesar de ter 24 anos, leva uns cantos premios ás costas ► O último: o concurso de discursos en español, celebrado en Chile o pasado día 25

Vén de gañar o primeiro premio do concurso de discursos no Campionato Mundial Universitario de Debate en Español. Como reaccionou á vitoria?
Non o lembro moi ben, só sei que rompín a americana que levaba posta, porque tiña moita xente arredor de outros equipos de España e agarráronme por detrás cando dixeron o meu nome. Foi unha reacción espontánea, de alegría. Estou moi contento, entre outras cousas porque o ano pasado participara no mesmo campionato e quedara ás portas de gañar, e quedoume esa espiña cravada; e porque é a primeira vez que o gaña un galego.

Gañou con un discurso respondendo a un amor ficticio da súa vida. Que lle inspirou para escribilo?
Recorrín primeiro a experiencias personais, porque cando se trata dun discurso de carácter emocional e nun ambiente competitivo resulta máis persuasivo, pero tamén tiven moitas referencias literarias de algúns dos meus autores predilectos como Eduardo Galeano.

Tamén lle deron a Medalla de Ouro do Concello de Xinzo de Limia o ano pasado. Como se sentiu ao recibir un premio que lle outorgan dende a súa terra?
Foi das cousas máis especiais que me pasaron nunca. Foi un recoñecemento que me deron por participacións anteriores no mundial de debate, pero o feito de que a vila da que te sintes parte recoñeza o teu traballo é algo bonito e que me emocionou moito.

De onde nace a súa paixón polo debate?
Foi por casualidade. Sempre me gustou moito discutir con todo o mundo, e cando cheguei á facultade descubrín por un cartel que na USC había un clube de debate. Achegueime a escoitar e coñecín moita xente que xa levaba anos competindo, e pouco a pouco funme metendo no mundo da alta competición.

Como se prepara un bo discurso?
Tes que ter recursos e ferramentas suficientes como para poder adaptarte a diferentes temas e situacións. Tamén unha capacidade empática moi grande, porque non sempre vas poder recorrer a experiencias persoais para facer o discurso, e precisas poñerte no lugar na que te obriga o reto que che propoñen. Hai que ver moitos discursos, charlas, conferencias e ata monólogos, e ler moito axuda a ter ferramentas retóricas que logo podes empregar. No momento previo ao discurso hai que explotar ao máximo a creatividade, pensando en como te van escoitar os demais para conseguir o efecto que buscas.

Defender unha idea que non comparto non é sempre tan complicado

Como defende unha idea que non comparte?
Con maior dificultade. Cando che toca defender un tema co que estás de acordo a priori a construción argumental é máis sinxela porque se che ocorren máis facilmente argumentos para defendela. Pero non sempre é así. De feito, téñome atopado con temáticas nas que me resulta moito máis sinxelo defender a postura contraria á miña porque as ideas que temos non sempre son as máis intuitivas. Ás veces esas ideas están moi asentadas na sociedade pero nós non as aceptamos, polo que os argumentos maioritarios son os que máis afeitos estamos a escoitar. Pero é un exercicio bonito e interesante porque tes que empatizar moito e poñerte na situación de persoas que pensan de xeito diferente ao teu. Así aprendes a entender os procesos mentais e argumentais da xente que non pensa igual ca ti, e acabas por facerte un pouco máis tolerante e máis respectuoso en algunhas cousas.

É docente de oratoria política e está estudando a carreira de Políticas tras cursar Comunicación Audiovisual Como ve a oratoria dos dirixentes e parlamentarios españois?
Obviamente a oratoria política en España é un desastre absoluto e cada vez maior, xa non só no ámbito televisivo. Podemos observar os discursos parlamentarios postTransición, a finais dos 70 e comezos dos 80, e a calidade non soamente formal, senón tamén de fondo, era moitísimo maior; independentemente de cuestións ideolóxicas. Ver un debate no Congreso dos Deputados entre Fraga e Carrillo, ou entre Felipe González e Adolfo Suárez, era realmente enriquecedor, a nivel formal, retórico... Hoxe en día perdéronse moitísimas facultades. Penso que tamén teñen algo de culpa os medios de comunicación e que nese sentido a democracia parlamentaria fíxose demasiado dependente do que se pode convertir en algo noticiable ao día seguinte, e polo tanto de como se xeran os impactos reais, non tanto dentro da Cámara, senón tamén nos medios. Creo que esa dependencia tamén entoldou moitísimo a calidade da mensaxe en fondo e forma. Hai moito que traballar e que mellorar.

Este ano foi o último no que participa no campionato. Por que se retira?
Porque é un campionato universitario, principalmente. Aínda que vou seguir estudando políticas pola Uned, levo tres participacións consecutivas nos mundiais de debate e tamén no de discursos, e considero que podo seguir achegando ao debate de competición e á disciplina académica do debate cousas diferentes, non tanto como debatinte ou como competidor, senón dende outras perspectivas, como organizando torneos, impartindo formación, ou como xuíz en diferentes torneos. Penso que iso me vai enriquecer tanto a nivel persoal como profesional e académico. E ademais tamén hai que deixar paso a outros estudantes máis novos para que poidan participar.

Despois de gañar o torneo, como pensa pasar as vacacións?
Agora mesmo aínda non as tiven, porque teño moito traballo acumulado. Déronme un día e medio de descanso para recuperarme do jet lag e do cansancio acumulado. Pero si que me tomarei unha semana a finais de mes coa miña moza para ir de vacacións a Europa e desconectar uns días.

Iván Olmos Ferreiro, campión mundial de discursos en español: "A...
Comentarios