O IV Certame de Poesía Torre de Caldaloba premiará 4 obras

Os orixinais poderán presentarse ata o 24 de setembro nas dúas modalidades do concurso, menores de 18 anos e adultos
Braña, Lozano, Castosa, Veiga e Maseda, na presentación. C.PÉREZ
photo_camera Braña, Lozano, Castosa, Veiga e Maseda, na presentación.

O Concello de Cospeito e a Asociación Cultural e Recreativa de Pino veñen de convocar a cuarta edición do Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que volverá repartir catro premios en dúas categorías. O prazo de presentación de orixinais estará aberto ata o 24 de setembro, mentres que o ditame do xurado darase a coñecer o 29 de outubro. A entrega de premios levarase a cabo no local social de Pino o 6 de novembro.

O concurso conta ademais coa colaboración de Culturalia GZ e, por primeira vez, da Xunta de Galicia a través do Xacobeo, tal e como precisou o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, no acto de presentación das bases desta convocatoria.

Na categoría de adultos, a persoa gañadora, que debe presentar un poemario que teña de 300 a 600 versos, recibirá unha recompensa de 1.500 euros e máis a publicación da obra. A segunda clasificada verá tamén editada a súa obra. No tocante aos menores de 18 anos, que teñen un límite de 60 versos, o primeiro premio está dotado cun lote de libros e cunha tablet e o segundo inclúe tamén publicacións e un libro electrónico. Os orixinais deben estar escritos en galego e poden presentarse presencialmente ou por vía electrónica.

A organización quere impulsar aparticipación infantil, polo que fará unha campaña de difusión nos centros educativos

O alcalde cospeités destacou tanto a calidade como a cantidade dos traballos presentados nas tres edicións previas deste certame, do que salientou tamén o seu ámbito autonómico, con premiados de toda Galicia –gañaron Xesús Rábade Paredes, Xurxo Alonso e Patricia Torrado Queiruga–, o que fai que se trate dunha convocatoria consolidada, malia a súa curta traxectoria. Aínda así, dende a organización queren potenciar a participación do público infantil e xuvenil, polo que nos vindeiros días prevén levar a cabo unha campaña de difusión do certame nos centros educativos, razón pola que tamén se adiantou a convocatoria con respecto a outros anos.

"Gustaríanos que houbese máis traballos infantís, así que animamos aos colexios, aos profesores de Lingua Galega, a que motiven aos seus alumnos", apuntou Inés Lozano, presidenta da asociación de Pino, quen estivo acompañada na presentación pola secretaria da entidade, Esther Braña e por Elena Veiga, veciña da parroquia.

Lozano aproveitou para agradecer a implicación de todos os que colaboran na organización do certame, igual que fixo Martiño Maseda, de Culturalia GZ, quen recordou que o concurso fomenta tanto "a creatividade literaria", como a posta en valor "dun monumento do noso patrimonio".

A estas dúas apreciacións, o rexedor de Cospeito quixo sumar outras dúas igualmente relevantes para Cospeito, o «aspecto turístico», xa que o certame atrae visitantes; e económico, ao contribuír a dinamizar a vila, ademais do movemento que implica a propia convocatoria do certame.

Comentarios