domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

"En Italia saben que a Galiña Churra é de Castroverde"

Xan López Domínguez, ante varias obras expostas en La Catedral 2 de Lugo. AÍDA SOENGAS
Xan López Domínguez, ante varias obras expostas en La Catedral 2 de Lugo. AÍDA SOENGAS
O ilustrador internacional Xan López Domínguez abre a primeira mostra pictórica en Lugo, a súa cidade, coa que se sente "en débeda"

Leva a súa cidade no sangue. O recoñecido ilustrador de libros infantís Xan López Domínguez (Lugo, 1957) asegura que ser lucense lle imprime carácter, un carácter que logo reflicte nos seus debuxos que xa percorreron medio mundo. Con 40 anos de experiencia, máis de 300 obras publicadas e infinidade de galardóns polo seu traballo, o artista síntese en débeda coa súa terra.

"Comecei neste mundo por oficio e cando me descoidei estaba publicando os meus traballos en Corea, Turquía, Estados Unidos... en infinidade de países, deixando un pouco de lado, sen darme case nin conta, a miña querida Galicia", sinala. Quizáis por iso quixo agora inaugurar en Lugo unha exposición inédita cunha trintena de pinturas en óleo sobre lenzo e sobre papel. "A ilustración infantil é algo que me gusta moito, pero apeteceume dar o salto á pintura", comenta o lucense, que deseñou en exclusiva as obras pictóricas para a galería La Catedral 2.

Teño a tristeza de que orixinalmente estaba escrito en galego, pero nunca o publiquei no meu idioma

Cada cadro conserva os particulares trazos do artista e abren a fiestra a un universo que fala por si. Son obras pictóricas feitas co corazón tras máis dun ano de traballo. "Lugo imprime carácter, lévoo dentro vaia a onde vaia e o mesmo me sucede coa ilustración, é un xeito de expresarme e de sentirme libre", indica.

Pero López Domínguez sempre tivo presentes as súas orixes. De feito, o seu grande éxito, La Gallina Churra, libro publicado no 1990 que foi traducido a decenas de idiomas e representado teatralmente, foi escrito orixinalmente en galego aínda que por esixencias das editoriais publicouse en castelán. "Teño a tristeza de que orixinalmente estaba escrito en galego, pero nunca o publiquei no meu idioma. Cando saiu en portugués leveime unha alegría porque as palabras soaban a galego", comenta o autor, que hai pouco estivo en Italia presentando o exemplar. "Aos nenos líanlles o conto en italiano. Na primeira liña falábase da orixe da galiña, que estaba na casa da avoa, en Castroverde. Foi emocionante, en Italia e noutros países saben que a Galiña Churra é de Castroverde".

Afincado en Madrid desde hai vinte anos, a Xan López Domínguez invádelle a morriña cando pisa a súa terra. "Síntome vivo cando veño a Lugo, é coma un déjà vu". "Necesitaba vir a Lugo, necesitaba sentir Lugo. Madrid é moi impersoal. Cando chego á miña cidade noto o afecto da miña xente. Teño unha asignatura pendente con esta terra que espero ir solucionando. O primeiro paso é esta exposición, que espero que lles guste aos lucenses", conclúe.

"En Italia saben que a Galiña Churra é de Castroverde"
Comentarios