Irene Rega: "Quería tratar o tema do acoso escolar nunha novela"

A escritora de San Cibrao vén de gañar o premio Illa Nova para menores de 35 anos cunha obra sobre a desaparición dunha rapaza dun instituto "inventado" de Viveiro tras sufrir bullying
Irene Rega Jul. EP
photo_camera Irene Rega Jul. EP

Estes días Irene Rega Jul non atende ao teléfono. Cando colle pregunta polo tempo que debe dedicar a falar sobre a grande alegría que acaba de levar. A finais do ano pasado rematou a novela O libro dos corazóns rotos, que lle serviu para gañar o premio Illa Nova de novela para menores de 35 anos que convoca Galaxia.

Cústalle concentrarse para contar a historia, pero Irene Rega Jul   —nacida en San Cibrao (Cervo) hai 26 anos— explica que está "atacada" porque mañá vai presentarse ás oposicións para dar clases en educación primaria. "Para preparar a oposición teño que ler mil artigos e protocolos sobre acoso escolar de nenos, e ocorróuseme que desaparecese unha nena que o sufre; quería tratar ese tema,que está aí e que é tan duro", comenta. A partir desa idea contou a trama dunha rapaza dun instituto de Viveiro —"inventado"— e que falta dun xeito inesperado.


Irene Rega estudou o bacharelato en Cervo, pero quixo que a súa novela se desenvolvese en Viveiro «porque ten comisaría» e os seus investigadores debían ser policías.

A autora publicara xa dúas novelas, pero non eran criminais, senón xuvenís. "Esta foi de intriga porque eu leo de todo e se me ocorren moitas historias". Elexiu a que conta en O libro dos corazóns rotos porque "é emotiva sen chegar a ser un dramón". Xa escribiu varias, que non publicou porque non a convencían de todo. Ten moitos principios e desenvolvementos anotados no móbil, no ordenador e nun caderno. As ideas continúan brotando, pero agora quedan en suspenso. "Non teño tempo de anotalas porque o importante é o que pase o sábado ás nove da mañá". Quitarán dúas bólas cos números dos temas e terá que escoller unha para expoñelo.

"Cando me chamaron para dicirme que gañara o premio non o cría. Preguntei se era verdade. Deberon pensar que son parva porque preguntei tres veces se era verdade. Pensaba que era unha broma dalgún amigo", recorda.

Todavía non traballou como mestra, pero si como becaria na biblioteca de Cervo. Unha boa oportunidade para unha lectora dedicada. "Non lía porque botaba o día catalogando e recomendando libros á xente que me preguntaba. É un traballo gratificante. Gustábame. A xente pedíache un libro para un neno de seis anos que empezaba a ler e lle indicaba".

Os lectores deixaron de consultarlle pola rúa "porque non saio moito" a causa da oposición. Aínda mantén un servizo de consellos sobre lectura, pero é privado. "Teño un Instagram onde ás veces subo libros e tamén temos un grupo de WhatsApp de opositores a Primaria no que falamos sobre libros. Se estamos co tema do autismo, fálolles do libro A nena do vestido de flores", observa a escritora. Agarda aprobar, pero nunca pensou no destino. "Quero quedar en Galicia", aclara.

Comentarios