Martes. 11.12.2018 |
El tiempo
Martes. 11.12.2018
El tiempo

'El insulto' e 'A viaxe de Ruth' mandan na Semana de Cine de Autor de Lugo

A película luguesa 'Tódalas mulleres que coñezo' foi a segunda máis puntuada polo público na sección oficial

O filme libanés 'El insulto', do director Ziad Doureiri, fíxose co premio do público á mellor película da sección oficial da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo (Sica), que vén de desenvolver a súa cadraxésima edición baixo a organización da asociación fotocinematográfica Fonmiñá.

'El insulto', unha longametraxe que segue o preito entre o cristián libanés Toni e o palestino Yasser, acadou 2,93 puntos do público. Este filme de 2017 quedou seguido moi de preto por 'Tódalas mulleres que coñezo', o debut na longa da luguesa Xiana do Teixeiro, que foi recoñecida polos espectadores con 2,74 puntos. Esta película que lles dá voz ás mulleres sobre o acoso e o espazo público foi estreada esta primavera no Documenta Madrid e gañou o premio Screenly, que lle permite ser difundida a través desta plataforma online.

A de Xiana do Teixeiro non é a única produción con marchamo lugués que sae con premio da Sica. Así, a película 'A viaxe de Ruth', que Jaime Pardo Valdés e Xosé Reigosa levaron adiante grazas a un proxecto de micromecenado e que conta con música de Arturo Vaquero, levou o galardón do festival ao mellor documental.

Igual sorte correu 'Nove de novembro', dirixida polo realizador de Xove Lázaro Louzao e que é a primeira longametraxe de temática LGTBI+ en galego; na Semana Internacional de Cine de Autor, esta historia de desamor conseguiu o premio á mellor película galega.

O palmarés da Sica na súa cadraxésima edición complétase con 'Amanece despejado', de María Vázquez e Bruno Máez, galardoada como a mellor curtametraxe galega, e 'Noche de Reyes', de Javier Gimeno, premio á mellor curta nesta edición.

Tanto a mellor película da sección oficial como a mellor curta e a mellor longametraxe na sección de cine galego foron elixidas polo público asistente ás proxeccións no auditorio municipal Gustavo Freire e no Vicerreitorado da Universidade a través das papeletas de votación que se lles entregaron á entrada da sala, mentres que o xurado de Fonmiñá valorou o mellor documental e as mellores películas longa e curta galegas.

Asemade, a organización e o xurado da Sica, nunha nota difundido este sábado, decidiron distinguir distintos filmes cunha mención especial en virtude "da súa especial contribución ao cine e polos temas e persoas que abordan".

Trátase de 'O tempo na Luparia', de Plácido Romero; 'Matria', de Álvaro Gago; 'The Rebel', de Oscar Doviso; 'Madre y maestra', de Caamaño Castro e Serafín Trashorras; 'Escarabana', de Sara Casasnovas; 'Vértice de versos', de Carlos Lorenzo; 'Amparo 54', de María Dobli; 'Silencio', de Miguel Juan Pujadas; 'Eugenio', de Xavier Baig e Jordi Rovira; 'El precio de la risa', de Gabriel Lechón Cuello; 'Marta no viene a cenar', de Macarena Astorga; 'Así que pasen cien años', de Dioni Torres e Javier Luque; 'En el nombre del padre', de Christian Iván Castillo Ramos; 'La primavera camboyana', de Chris Nelly; 'Dhogs', de Andrés Goteira; 'Sabanda', de Víctor Calero; 'Hurto', de Gerónimo García Castela; 'El traco', de Alfonso Díaz; 'El asado', de Ignacio Guggiari; 'Madre', de Rodrigo Sorogoyen; 'Turno de noche', de Víctor Vasollete, e 'No soy él', de Xoán Bregua.

'El insulto' e 'A viaxe de Ruth' mandan na Semana de Cine de Autor...
Comentarios