Inician o traslado de Bos Aires a Galicia de 'A derradeira lección do mestre' de Castelao

A peza exhibirase na Cidade da Cultura do 5 de outubro deste ano ao 3 de marzo de 2019

Un fragmento de 'A derradeira lección do mestre'. DP
photo_camera Un fragmento de 'A derradeira lección do mestre'. DP

Técnicos especialistas iniciaron o proceso para o traslado desde o Centro galego de Bos Aires a Galicia da obra A derradeira lección do mestre, unha peza icónica de Alfonso Rodríguez Castelao, considerada o "Guernica galego", e que se exhibirá por primeira vez na comunidade galega en outubro. 

Será o eixo central de Castelao maxistral, unha exposición homenaxe ao papel que xogaron na construción do ensino público os profesores das tres primeiras décadas do século pasado, entre 1900 e 1936. A peza exhibirase na Cidade da Cultura do 5 de outubro deste ano ao 3 de marzo de 2019. 

O proceso para pór en marcha a cesión temporal da obra por parte do Centro Galicia de Bos Aires levouse a cabo coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados, tendo en conta que se trata dunha "obra simbólica tanto na traxectoria artística de Castelao como para Galicia, a territorial e a da diáspora", tal e como informa a Xunta a través dun comunicado. 

Castelao pintou na capital arxentina, en 1945, a obra, baseada na estampa nº 6 do seu libro Galicia Mártir, en homenaxe ao seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936. 

O óleo de máis de 2 metros de altura non saíra do Centro Galicia de Bos Aires. Por este motivo, a mostra que albergará Santiago considérase "inédita e irrepetible", polo que desde a Xunta e, en concreto, desde a Consellería de Cultura encómiase a xenerosidade desta institución na cesión temporal da obra. 

Precisamente, apúntase a que foi o titular do departamento, Román Rodríguez González, o que iniciou fai máis dun ano, na Feira do Libro da capital arxentina, as negociacións que permitiron este acordo. 

A mostra Castelao maxistral tamén persegue ser un recoñecemento ao traballo da Galicia emigrante, na salvagarda do legado patrimonial de Galicia e dos galegos e galegas que continuaron a actividade cultural durante gran parte do século XX até a actualidade. 

Comentarios