Infrarroja amosa en Lugo a súa cara "máis pop" con 'En mi cabeza'

A banda lucense presenta o videoclip desa canción na tarde do sábado no Vello Cárcere
Os integrantes de Infrarroja. EP
photo_camera Os integrantes de Infrarroja. EP

Rachell despedíase de Marx para dar clase de pilates. El chegaba do seu traballo como soldador á casa da rúa Poeta Noriega Varela, en Lugo. Ás veces, cádralles cantaruxar Turnedo, o tema de reproches sentimentais que Iván Ferreiro compuxo mirando cara a praia de Nigrán. Rachell e Marx son parella e sabían que o seu veciño do Carme é vixilante de seguridade porque o teñen visto co uniforme polo barrio.

Hai un tempo coñeceron a Manuel. Coincidiron nunha festa para despedir o ano e, escoitando música, falaron dos seus gustos. O veciño gustaba do rock dos 70 e 80; eles, tamén. Apuntaron artistas indies. No fío da conversa souberon que os tres eran músicos. Rachell Blanc canta, Marx Veiga toca a guitarra. Ambos traballaban xa co tamén guitarrista protésico dental Robert Pereira nun trío, "aínda que non tiñamos nome", apunta Marx, de 31 anos. Manuel Núñez incorporouse como batería.

Un anuncio en internet tróuxolles a Ángel Seijas, baixista e aspirante a funcionario de Xustiza.

Creado hai un ano, o grupo compuxo dez cancións que se moven entre o rock clásico dos 70 e os 80, e o rock alternativo

Para o primeiro día que se xuntaron no local xa tiñan fixadas as coordenadas: rock clásico/ rock alternativo. Ensaian todos os sábados. "Reunímonos polas tardes ata a madrugada", indica Marx. Non tardaron en ir dando forma a versións da propia Turnedo, así como de composicións feitas por artistas que se moven entre o indie e o alternativo, como Quique González, Love of Lesbian ou The Strokes. O abano é longo, polo que tamén incluíron nese repertorio de temas alleos cancións de The Doors ou de The Cure.

"BOTÓN CIEGO". Un ano tocando xuntos deulles para debutar no pasado San Froilán e compoñer dez temas. O guitarra de Infrarroja cita pezas do grupo: Proporción áurea, Epic e Botón ciego. En mi cabeza non é o máis representativo, pero si "o máis pop, o máis comercial". Elixiron esa canción para gravar un videoclip.

A realizadora lucense afincada en Brasil Tatiana Varela dirixiu a gravación o pasado verán no Vello Cárcere, onde se presenta este sábado ás 20.00 horas nese mesmo espazo cultural de Lugo.

Ese acto será o comezo dunha radiación infrarroja, a que desprenden todos os corpos cunha temperatura que supera o cero absoluto, que se mide en kelvin (-273 graos centrígrados).

Comentarios