
A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua continúa co festival de arte urbano Culturbán, que se inicioua finais do 2020 coa realización dun combate de murais ao aire libre.
O artista local Iago Eireos encargarase nesta nova fase do proxecto de realizar un mural á altura do número 145 da Ronda da Muralla, no cruce coa rúa Poeta Noriega Varela. “Con este proxecto buscamos conseguir un Lugo vangardista, participativo e amable, mellorando a imaxe da cidade con accións en distintos puntos”, explicou o Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo.
O festival de arte Culturban é unha mostra de arte urbana que propón explorar a contorna a partir de intervencións artísticas que transformen a cidade.
"Trátase dunha fórmula de interacción global coa cidade e cos seus barrios, tanto a nivel urbanístico como social", declarou Rubén Arroxo, que engadiu "trátase dunha experiencia única xa que durante todo o proceso creativo se usarán as rúas de Lugo, tanto como taller de traballo, como lenzo e como galería".