A influencia de Maruxa en Luis Seoane enche o Pazo Provincial

Unha exposición glosa a figura da muller do pintor coruñés con óleos, debuxos e documentación, algúns deles inéditos

Intre da inauguración da exposición 'Maruxa Seoane', no pazo de San Marcos. SEBAS SENANDE
photo_camera Intre da inauguración da exposición 'Maruxa Seoane', no pazo de San Marcos. SEBAS SENANDE

Maruxa Seoane (A Coruña, 1912-2003) protagoniza unha mostra na que se amosa o seu importante papel no desenvolvemento de Luis Seoane como artista e na difusión da súa obra, que foi inaugurada este xoves na Deputación de Lugo e que consiste nun conxunto de óleos, debuxos, fotografías e documentación.

A exposición inclúe material pouco coñecido ou inédito relacionado coa figura de Maruxa Seoane, como cartas, libros e outros documentos, ademais de óleos e debuxos orixinais de Luis Seoane dedicados ou inspirados nela, así como un documental realizado para a ocasión.

Nela pódese contemplar unha proxección dixitalizada de pezas de Luis Seoane que a súa viúva doou á Real Academia Galega e ao Museo de Belas Artes, e un libro con máis de 200 fotografías de Maruxa e persoas da súa contorna.

A mostra tamén inclúe a recreación da vivenda da muller de Seoane, con exposición das pinturas, gravados, debuxos e fotografías dos que se rodeou, moitos deles do propio artista, pero tamén doutros autores como Laxeiro, Díaz Pardo, Jef Diederen, Hans Hamngren ou Mújica Laínez.

A mostra incorpora unha proxección dixitalizada con pezas de Luis Seoane e un libro con 200 fotografías

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou que a exposición "nace do desexo de destacar e renderlle homenaxe a súa personalidade e, ao mesmo tempo, visibilizar e recoñecer o seu labor, reducido a cotío ao papel de muller de artista. É, por tanto, unha mostra que visibiliza o importante papel das mulleres, moitas veces esquecidas pola historia, para que reciban o recoñecemento que lles corresponde".

Esta mostra é unha produción da fundación Luis Seoane, comisariada por Juan de la Colina, e permanecerá aberta ata o día 21 de xullo. O horario de visitas é de luns a venres de 11.00 á 14.00 e de 17.30 á 20.30 horas; sábados de 10.30 á 14.00 horas e de 16.30 á 20.00 horas; domingos e festivos: 11.00 á 14.00 horas.

Juan de la Colina é tamén director dun documental sobre a figura que centra a mostra. O filme ilustra e reflexiona acerca da figura de Maruxa Seoane.

Experimental na forma, a película ten vocación de documento veraz. A banda sonora do documental foi realizada especificamente polo músico de orixe galega Pablo Durán, e nela figuran gravacións realizadas nos anos 40 coa voz da propia Maruxa Seoane cantando.

COMPAÑEIRA. Elvira Fernández López ou Maruxa Seoane, foi compañeira inseparable de Luis Seoane e persoa chave na súa traxectoria que, tras o falecemento do artista en 1979, dedicou a súa vida á recuperación e agrupamento do seu legado para Galicia, nun proceso que culminaría en 1996 coa creación da fundación Luis Seoane na Coruña.

O universo desta exposición complétase cun documental realizado por Juan de la Colina

A súa relación da comezo durante a adolescencia e durou ata o falecemento do artista en 1979. Tras o estalido da Guerra Civil, Seoane parte para o exilio con destino á cidade de Bos Aires. Maruxa acompañarao pouco tempo despois, tras casar con el.

No exilio arxentino coñecerán grupos de intelectuais galegos, españois, europeos e latinoamericanos.

A partir do ano 1942, a muller do artista traballa como correctora de probas de todos os proxectos editoriais nos que intervén o seu home, pasando a ser a súa colaboradora imprescindible e participando activamente nalgunhas das iniciativas máis importantes de Luis Seoane no seu labor de dinamizador da cultura galega no exilio.

Comentarios