jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Impulsan unha web monográfica con decenas de recursos textuais e audiovisuais sobre Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero. ARQUIVO
Ricardo Carvalho Calero. ARQUIVO
Tamén inclúe un apartado dedicado a 'Eventos', no que se incluirá información de diversas actividades 

Recursos didácticos, textos, biografía e pezas audiovisuais. A web Carvalho2020.gal recolle decenas de contidos de todo tipo para ofrecer unha completa panorámica sobre a vida e obra de Ricardo Carvalho Calero, protagonista este ano do 17 de Maio.

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) publicou esta iniciativa web, que contou coa colaboración da Secretaria Xeral de Política Lingüística e da Deputación da Coruña e que está coordinada por Miguel Pernas e Eduardo Maragoto, presidente da asociación.

Martinho Montero Santalha asina a biografía do autor, que se completa con fichas de todas as súas monografías da man de Marcos Saavedra, unha sección que se ampliará posteriormente.

A sección recursos inclúe, á súa vez, unidades didácticas adaptadas ás diferentes etapas educativas, subscritas por docentes como Laura García Díaz, Marisa Moreda Leirado e Bernardo Penabade; un monográfico dedicado a 'Scórpio' e outro desde unha lectura en clave feminista, realizadas Teresa Crisanta e Susana Sanches Arins, respectivamente.

A web tamén inclúe un apartado dedicado a Eventos, no que se incluirá información de diversas actividades e outras como a mostra A voz presente promovida por AGAL, en colaboración coa Xunta e producida por 'Ouvirmos', que profundará na dimensión artística, humana e lingüística do intelectual ferrolán.

Outra das seccións destacadas, Audiovisuais, incluirá entre os seus recursos o documental De Carballo a Carvalho.

Segundo destaca Miguel Penas, trátase xa do "espazo de referencia na rede" sobre o profesor e escritor ferrolán, "non só para este ano senón tamén para os próximos, nos que con certeza o mestre reintegracionista aínda dará moito que falar".

Impulsan unha web monográfica con decenas de recursos textuais e...
Comentarios