A "impoñente" Santa de Asorey chega ao Gaiás tras case sete décadas en Uruguai

A peza tende lazos coa diáspora e actualiza o debate sobre o realismo e a muller na arte, convertendo unha labrega "nunha deusa" 
Varios operarios desembalan a escultura da Santa de Francisco Asorey. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Varios operarios desembalan a escultura da Santa de Francisco Asorey. XOÁN REY (EFE)

Tras case sete décadas en Montevideo (Uruguai), a "impoñente" 'Santa' elaborada por Francisco Asorey para pór de relevancia unha imaxe "simbólica" e transgresora da forza da muller galega regresou a Galicia para participar na exposición 'Galicia, un relato no mundo', que acollerá o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura desde este mes de novembro e até abril de 2020. 

Autoridades, estudiosos, familiares do autor e representantes da diáspora en Uruguai, así como o comisario da mostra, Manuel Gago, presenciaron este luns a desembalaxe da peza, que regresa a Galicia por primeira vez desde que saíu do porto de Vigo en 1951 con rumbo á Casa de Galicia en Montevideo, onde continúa presidindo a sala na que se reúnen os seus xestores. 

A 'santiña', como a coñecen os seus propietarios uruguaios, súmase así a un gran elenco de pezas de distintas orixes que buscan dar testemuño dos nexos de Galicia con outros puntos do mundo, tanto a través de culturas que chegaron á rexión ao longo dos séculos, como dos seus lazos proxectados fóra, en particular no ámbito cultural da emigración.

FORZA E TRASGRESIÓN. Con case dous metros de altura e realizada en madeira policromada, a 'Santa' é unha das pezas máis destacadas de Francisco Asorey e unha das obras máis significativas do arte galego do século XX. 

O seu valor radica, entre outras cuestións, no transgresor da peza, que a inicios do século XX atreveuse a "romper os códigos estéticos" da época no que se refire á representación do corpo da muller e a levar a imaxe realista dunha labrega a primeira liña artística. 

Foi presentada en 1926, na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid, onde o autor recibiría a primeira medalla por outra obra, San Francisco. Os asistentes, con todo, quedaron sorprendidos por 'Santa', unha talla que representaba unha labrega galega espida, portando un xugo, con evidencias no seu corpo do duro traballo diario e que se afastaba dos ideais estéticos da época. 

Case un século despois desta presentación, a "forza" da peza e a súa "impoñente presenza" seguen estando presentes nesta escultura, tal e como destacou Manuel Gago, que lembrou as "discusións" xeradas na prensa do momento por mor dela. "Deu unha labazada nas conciencias", explicou Gago, para quen Asorey "tratou non só de representar unha labrega, se non de construír unha deusa" a través dun realismo "cru" que aínda non estaba na arte da época. 

Do mesmo xeito, o comisario da mostra fixo fincapé no seu valor en canto ao testemuño da "especial relación" entre Galicia e América no século XX, co "importante" papel xogado polos centros galegos e entidades da diáspora no ámbito da cultura, algo que aínda "se plasma no enorme patrimonio artístico que atesouran".

UN TERRITORIO "CONECTADO CO MUNDO". Durante a súa intervención, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, explicou que 'Galicia, un relato no mundo' busca pór de relevancia como, ao longo dos séculos, a rexión "nunca foi un territorio illado", se non un espazo "conectado co mundo". 

"Podemos dicir que sempre estivemos presentes nas grandes tendencias mundiais, nunca fomos unha sociedade pechada en nós mesmos", dixo o conselleiro, que puxo de relevancia o "valor artístico e simbólico excepcional" desta escultura.

PEZAS "SIMBÓLICAS" DO PATRIMONIO MUNDIAL. Esta mostra de "pezas tremendamente simbólicas para reforzar o orgullo de ser galegos" é a primeira do tres exposicións que se preparan desde Cultura para conmemorar o Xacobeo 21 ao longo dos anos 19, 20 e 21. 

En Galicia, un relato no mundo colaboraron entidades da categoría do Trinity College de Dublin, a Biblioteca Apostólica Vaticana ou a Cambridge University Parker Library, entre outras 80 institucións públicas e privadas, que custodian elementos patrimoniais, documentais ou artísticos que, dalgún modo, permiten seguir o relato galego no mundo. 

Entre estas pezas está a soada Biblia Kennicott, considerado un dos manuscritos iluminados medievais máis importantes do mundo, elaborado no século XV na Coruña e que dá testemuño da presenza xudía en Galicia; ou o Libro das Invasións, onde se fai a primeira mención ao guerreiro celta Breogán, que chegou a Irlanda dende Galicia. 

Así mesmo, a mostra tamén inclúe o Mapa de Sawley, un do primeiros 'mapa mundi' enciclopédicos de Europa e no que se representa Galicia a través da Catedral de Santiago, o 'Itinerario de Exeria' nas súas viaxes por Terra Santa ou dous exemplares do Códice Calixtino, da Vaticana e de Salamanca, entre outras pezas. 

Comentarios