"Se eu fose da China, escribiría contos chineses"

Ignacio Vilar: "‘A esmorga’ deunos crédito para distribuír ‘Sicixia’"

A nova película do director estréase en todas as salas de Galicia o vindeiro día 25. Monti Castiñeiras e Marta Lado, premio no Festival de Toulouse, protagonizan o filme. "É unha experiencia sensorial; a banda sonora da Costa da Morte", sostén o director
Ignacio Vilar
photo_camera Ignacio Vilar

O director de cine Ignacio Vilar ten novo proxecto entre mans. O vindeiro venres 25 chega a todos os cines de Galicia Sicixia, unha película concibida "como unha experiencia sensorial; a banda sonora da Costa da Morte" que o cineasta de Valdeorras promocionou este venres en Lugo.

Vilar conta que o crédito conseguido grazas ao seu anterior título, A esmorga — "que se está a exhibir agora en Filipinas e aínda non pechou o seu percorrido", di— facilitoulle as cousas a Sicixia.

"Estivemos 15 semanas en Santiago, nove semanas en Cataluña. En Ourense aguantamos seis meses en carteleira!!! En Madrid puxérannos nunha sala pequena e tiveron que habilitar unha máis grande dado o éxito da proxección...", enumera Vilar, que desta volta estreará ‘Sicixia’ nos cines Renoir Princesa de Madrid.

Ignacio Vilar e Vía Láctea Films inauguraron en 2008 unha "promoción de guerrilla", instituto a instituto, para dar a coñecer Pradolongo, o segundo filme longo do director, e película a película a súa cinematografía foi acadando unha meirande notoriedade. "Ao principio, cando iamos aos institutos, os rapaces dicían: "A ver si piensan estos que vamos a ir a ver una película en gallego". Cando rematabamos, moitos recoñecían que os convencéramos. 'Pradolongo' levou moitos mozos ao cine e ten sido un éxito na Televisión de Galicia, con máis de 600.000 espectadores acumulados".

"Esta vez imos con todo para promocionar Sicixia: publicidade nos autobuses, vallas, muppies... É outro nivel. A aposta é moito máis forte e pretendemos competir coas grandes estreas internacionais", explica Vilar.

O realizador cre que Sicixia conta con todos os ingredientes para atraer os espectadores ás salas. "Quixen facer unha experiencia sensorial; unha banda sonora da Costa da Morte", confesa o cineasta, quen se valeu dos actores Monti Castiñeiras e Marta Lado como protagonistas dunha histórica "dramática" que leva como subtítulo "paseo polo amor e a Costa da Morte".

"Quixen reflectir os sons desta terra, os eses sibilantes das falas das xentes que remedan o siseo do vento, os trebóns o ir e vir das ondas... todos eses matices. Tamén están as berberecheiras da enseada do Anllóns, os percebeiros de Muxía, a chegada ao cumio da Moa no Monte Pindo...", especifica Vilar.

Castiñeiras interpreta a un enxeñeiro de son do Arquivo Sonoro de Galicia —"que é unha institución que existe, na Cidade da Cultura"—, que se despraza ata a Costa da Morte para gravar os sotaques das súas xentes e da súa natureza. Terá como guía na súa inmersión a Olalla, unha muller que traballa de mergulladora a recoller algas para a empresa Portomuíños e a quen dá vida unha Marta Lado que acadou por este papel o premio á mellor interpretación feminina no Festival de Cine de Toulouse.

Antes da súa estrea, Sicixia tivo unha moi boa acollida tamén en París, onde a proxección se acompañou dunha degustación de produtos da Costa da Morte. "Os franceses estaban marabillados. Se había alí 300 persoas, estou certo de que algunha caerá pola comarca".

Sicixia pasará a semana que vén polo Festival de Cine de Xixón e haberá unha preestrea en Cee, o día 24, e en Carballo, o 25, "que serán a verdadeira proba de lume".

Sicixia é unha palabra que fai referencia á aliñación dos astros. "Dáse nas superlúas e no solsticio de  verán". Segundo o seu director, os astros quixeron que a película, que vén de ser cualificada polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales como de especial interese para fomentar a igualdade de xénero, chegue ás salas o Día Internacional contra Violencia Machista.

Comentarios