''Hay que tener cuidado de no convertir el Camino en una ruta de senderismo''

Pasados xa os pratos fortes da programación do Xacobeo, o xerente do ente público responsable da súa xestión considera "moi positivo" o balance malia as estreiteces económicas. Ignacio Santos (Bueu, 1970) non se arrepinte de cambiar Benicassim por Compostela e avisa de que a fin do Ano Santo traerá novos retos.

Pregunta: Está satisfeito dos resultados obtidos ata agora?

Resposta: A valoración é moi positiva. A programación empezou a principio de ano, en xaneiro, e ata decembro teremos programación de distinto tamaño, ó longo de todo ano e chegando a máis de 140 concellos de Galicia. A programación obtivo unha importante repercusión en medios, nacional e internacional, e a asistencia de público foi moi positiva.

P: De todos os eventos, que lle deixou mellor sabor de boca?

R: Un dos que destacaría é o Circo do Sol. Convocar 40.000 persoas dun público familiar foi moi bonito. Logo, por outra banda, os concertos que fixemos no Monte do Gozo ou a Festa dos Mundos de Oleiros convocaron público de fóra de Galicia e tiveron moítisima calidade. Na Festa dos Mundos houbo momentos irrepetibles, unha serie de artistas de diferentes latitudes que non é fácil velos xuntos.

P: Houbo un cambio de filosofía respecto ao 2004. Entendeu a sociedade galega ese cambio?

R: É facilmente comprensible que nun contexto socioeconómico de crise o Xacobeo traballe con mesura e que tampouco concentre grandísimos investimentos en eventos efímeros. Para nós era moi importante que a programación fose moito máis que unha lista de nomes. Buscamos un concepto e unha coherencia na programación. E, por outra banda, o Xacobeo non é só música. A programación ten dez áreas de contidos e a música é un deles.

P: Faltou o concerto de U2?

R: Houbo unha negociación con eles, estivo avanzada. Pero descartouse porque sería romper dalgunha maneira ese plantexamento de traballar con austeridade, tanto na programación como nos coidados do Camiño.

P: O vindeiro Ano Santo é no 2021. Que vai pasar co Xacobeo?

R: Pois temos que conseguir manter viva a chama do fenómeno xacobeo. Contamos cun orzamento público e unha estrutura que traballa todos os anos, e agora a sociedade ten que concentrarse no que é o coidado do Camiño, a xestión da rede pública de albergues, sinalización, limpeza... Todo o que ten que ver co Camiño porque é a base que lle dá sentido a todo este proxecto. E logo ten que facer un labor de promoción cultural. Aí é onde temos que traballar.

P: Once anos son moitos anos. Ten medo de que se perda parte do traballo feito ata agora?

R: Se está ben xestionado non ten por que diminuir o interese de todo o mundo polo Camiño. Estamos deseñando unha estratexia para estes próximos anos. Non haberá Ano Santo, pero si un traballo que facer no Camiño e unha programación cultural.

P: En global, que tal funcionou no verán a rede de albergues?

R: Deu bos resultados. Toda esa rede de 4.000 novas prazas temporais fíxose dunha maneira moi colaborativa con concellos, asociacións de veciños, asociación de amigos do Camiño, ordes relixiosas... Entre todos conseguimos pór en marcha esta rede que foi moi necesaria para chegar a estas cifras históricas de peregrinos.

P: O Camiño está perdendo a súa espiritualidade?

R: Na súa orixe a motivación era relixiosa. Pero hoxe a xente decide botarse ó Camiño por diferentes motivacións. Evidentemente falamos de espiritualidade, cultura, natureza ou gastronomía.

P: Ten teito o Camiño?

R: Hai que conseguir que, aínda que aumenten as cifras de peregrinos, ter moito coidado de non perder a esencia. Aí está a clave, recuperar a espiritualidade do Camiño. Non podemos permitir que se convirta nunha ruta de sendeirismo, de trekking. O Camiño de Santiago é moitismo máis que isto.

P: Vostede definiu o Xacobeo como patrimonio de todos, pero neste último ano recibiu críticas da oposición. Como o viviu unha persoa allea ata agora a esas críticas?

R: Como técnico da xestión cultural hai momentos en que me doen. Estou convencido de que o Xacobeo ten que estar por riba do debate político. Ten que ser un proxecto de todos ao que todos poden sumar. É unha pena que haxa persoas que queren restar.

P: Pensou nalgún momento en que non chegarían a tempo?

R: Admito que foi un reto moi importante poñer un proxecto destas características. Empezamos a traballar seis meses antes do inicio do Ano Santo, cando en condicións normais requeriría empezar a traballar dous ou tres anos antes do inicio. Iso sería o normal nun proxecto desta complexidade. Foi un reto. A premura de tempo obrigounos a ter prioridades moi claras. Unha das miñas principais frustracións foi que ante esa premura de tempo non lle podía dar atención que requerían a todas as persoas, empresas e institucións que querían presentar proxectos.

Comentarios