"Se hoxe falamos galego é grazas a figuras como Pedrayo e Piñeiro"

O académico e sociolingüista Henrique Monteagudo presentou no Vello Cárcere o libro "O idioma galego baixo o franquismo
Henrique Monteagudo (dereita), xunto a Xulián Parga e Santiago Fernández Rocha, en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Henrique Monteagudo (dereita), xunto a Xulián Parga e Santiago Fernández Rocha, en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

"Foi unha época moi escura na que se silenciaron moitas cousas e xa era hora de poñerlle un pouco de luz", así explica o académico e sociolingüista Henrique Monteagudo o obxectivo do seu novo libro O idioma galego baixo o franquismo, onde analiza a situación lingüística durante a ditadura co obxectivo de contar "só a verdade e nada máis que a verdade", tal e como reflicte no limiar da obra.

O profesor universitario e académico da Real Academia Galega (RAG) presentou o martes o exemplar no Vello Cárcere de Lugo acompañado do mestre Santiago Fernández Rocha e Xulián Parga (Editorial Galaxia).

"Tiña moito interese en analizar pormenorizadamente a situación da lingua tras o golpe de Estado, a represión do verán do 36 e a instauración da ditadura de Franco", explicou o tamén docente da USC, quen sinalou que aproveitou os meses de confinamento para recompilar toda a información. "Foi un traballo moi laborioso, manexando moita documentación confusa, pero mereceu a pena", engadiu.

E é que o experto sinalou que o seu obxectivo era aclarar as cousas "pois co paso do tempo dixéronse moitas mentiras do que verdadeiramente pasou neses anos co idioma, que viviu unha represión salvaxe e brutal". E puxo de exemplo cando aínda hoxe se insiste en que "non houbo ningunha lei que prohibise literalmente o galego, pero non se conta que o réxime tiña outra morea de normas, como que non se podían usar nomes noutro idioma distinto ao castelán, que os establecementos públicos non podían usar linguas distintas á oficial ou que as representacións son se podían facer en castelán. E así unha longa lista de leis cuxo obxectivo era o mesmo: que non se usara o galego".

O autor recordou que desde o ano 36 e ata os 50 "a situación que tivo que atravesar o idioma foi durísima" e puxo en valor o papel das figuras que constituíron na clandestinidade unha resistencia lingüística ao franquismo "xogándose o tipo" para salvar a lingua e tendo a "a intelixencia de dirixirse ao público para que o galego non desfallecese de todo".

Monteagudo sinalou ademais que "a saída do cárcere de Ramón Piñeiro no 49 foi un punto clave para seguir loitando, pois ata aquel momento era totalmente imposible asomar a cabeza para defender o idioma, porque se o facías, cortábancha". E o sociolingüista foi máis aló: "Podo dicir alto e claro que se hoxe falamos galego é grazas a figuras como Otero Pedrayo ou Ramón Piñeiro e tamén a xente como Alonso Montero que souberon darlle despois continuidade a este traballo".

O experto expuxo que a herdanza desta etapa na lingua "foi atroz", pois o galego "saiu do franquismo ferido de gravidade porque se perdeu case por completo a transmisión lingüística nas familias, algo fundamental".

Monteagudo analizou tamén que o presente e o futuro do galego, que pasa por un esforzo conxunto "onde todos temos poñer o noso gran de area e fai falta o compromiso de institucións e de sectores sociais, pero tamén da sociedade, desde os neofalantes, ata xente que se achega desde o castelán, e sobre todo, é importantísima a transmisión da lingua".

O experto avanzou que publicará no ano 2025 un novo libro sobre a situación do galego a partir de 1975, tras a caída da ditadura e comezo da Transición. "Un exemplar no que xa estou traballando", avanzou.

Comentarios