Hisako Horikawa: "Todo espazo ten un espíritu. Coa danza, eu quero tocar ese espíritu"

[Entrevista publicada el lunes 12 de junio de 2017] A danza de Hisako Horikawa é un encontro. E ese encontro terá lugar este luns ás 21.00 horas, no anfiteatro das costas do parque de Rosalía, dentro da programación de Lugo Cultural e grazas á iniciativa da asociación 3monos, que fixo posible a súa visita dende Xapón

Hisako Horikawa, en Palas do Rei, durante o obradoiro que impartíu esta fin de semana na Casa do Río. CRISTINA SÁNCHEZ
photo_camera Hisako Horikawa, en Palas do Rei, durante o obradoiro que impartíu esta fin de semana na Casa do Río. CRISTINA SÁNCHEZ

Hisako Horikawa achégase ao anfiteatro do parque de Rosalía e pregunta: "Onde está o mar?" Ben sabe que está lonxe, pero tamén que o corpo pode achegar moitas distancias. Non en van a danza que practica chámase body weather, que comezou a practicar con Min Tanaka no Xapón dos 80, na que o corpo está sempre relacionado co entorno e cambia, coma o clima. Despois dun curso de cinco días na Aula de Danza da Usc e na Casa do Río, en Palas de Rei, esta bailarina residente en Niigata (Xapón) actuará este luns ás 21.00 horas nese anfiteatro, grazas á asociación 3monos e a Lugo Cultural. E, talvez, co seu movemento achegue un pouco máis o mar.

Foi fundadora do Body Weather Laboratory xunto a Min Tanaka. Como recorda o descubrimento deste xeito de entender a danza?

En 1978 asistín ao primeiro taller con Min Tanaka, e non esquezo esta primeira experiencia, con 23 anos. A partir dela, varias persoas decidimos continuar co traballo. Min, que era dez anos maior ca min, vivira momentos políticos moi intensos, de protesta contra o goberno. Non criamos en ningunha organización das que coñeciamos, nas que sempre uns asumen máis poder. Tiñamos medo do poder. Sen embargo, queríamos facer un grupo, probar outro camiño posible. Alugamos un espazo en Tokyo, onde nos xuntabamos os sábados e os domingos. Dividiamonos en grupos de traballo en base ao corpo, ao son, á palabra e ao visual, e dende aí traballabamos para compartir propostas, que despois levabamos ás actuacións que tiñamos unha vez por ano. Por exemplo, unha vez enchimos de cubos de auga o teatro para facer unha piscina. O público estaba confundido. Logo botamos peixes nela, só para ver como se movían.

Que buscabades con estas actuacións?

O corpo non sirve só para mostrar algo. Para nós, a actuación era unha maneira de propiciar unha experiencia, unha maneira de tocar as cousas. Nese momento non pensabamos a través da danza, pero despois, cando comezamos a bailar, poidemos utilizala.

Representación
"O corpo non sirve só para se mostrar. Para nós, as actuacións eran un xeito de propiciar unha experiencia"

Cales son as partes ou principios fundamentais do body weather?

Podería dicir varias cousas básicas, pero tampouco sería necesario pasar por elas. Para min, a meirande parte do traballo do body weather reside en como aceptar. Case sempre se traballa en parellas, porque a través do corpo das outras persoas tamén comprendemos o noso. Nese contacto, importa sentir o que entra, sen reaccionar. Tal vez suceda algo máis tarde, pero antes hai que esperar realmente. Así, o noso corpo pode dar a benvida ás cousas do exterior, e podemos darnos conta de que interior e exterior van xuntos.

Que significa a idea de estar entre, que menciona varias veces?

Nós vivimos entre, todo o tempo. Estamos entre as cousas. Cando eu vin a primeira performance de Min, antes de comezar o laboratorio, sentinme moi feliz. Estaba na rúa, e parecía que o tiveran posto alí. Fora el quen chegara, pero parecía que o puxeran alí. Que é isto? Pregunteime. Non é que eu entrase nun lugar para ver a actuación a través do escenario, senón que compartía o seu mesmo tempo. Podía velo, pero tamén podía non velo, porque algo chegaba a min de calquera xeito. Iso é estar entre. Nas miñas actuacións nunca fago as miñas cousas. A danza sucede sempre en relación a un lugar, e é a través da danza que ese lugar se pode visibilizar mellor.

Normalmente actúa fóra do teatro, por que?

Hoxe en día tamén me gusta traballar nalgún teatro. O importante para min é como as persoas constrúen o espazo. Cando volvín á miña cidade natal, Niigata, con 43 anos, apenas a coñecía. Foi por iso que comecei a bailar en moitos dos seus lugares. Para min, todo espazo ten un espíritu, e eu quero tocar ese espíritu. Sucede nos lugares antigos. Algo, non sabemos o que, está aí. Con este algo é co que quero danzar. Moitas veces pedíalle aos veciños que me acompañaran, ou permiso para bailar cerca das súas casas. A xente non coñecía a miña danza. Parecíalles rara, pero tamén interesante, e viñan vela. Non é só algo extraño. A xente comprende algo común, algo universal, a través da danza. Tampouco é unha cuestión de forma. O que me gusta do body weather é que calquera corpo pode encontrar algo. Non se trata de aprender a facer algo concreto ou bailar dun xeito determinado.

Tamén está moi interesada na danza tradicional, e traballa para a recuperación do Bon Odori en Xapón. Que conexión ten a danza tradicional coa súa proposta?

O Bon Odori é unha festa que se celebra en agosto, na que se convida aos espíritus dos mortos, para bailar con eles durante tres días, ata que regresan. Nestas festas, todo se improvisaba, con danza, música e canto. Hoxe iso case desapareceu, ou quedou como algo máis formal. Eu propúxenlle a un museo, como o que tedes aquí en Lugo, reunir a estos grupos. É importante mostralo, que a xente recoñeza o que foi tan importante nas súas vidas. A maneira na que eu danzo está lonxe disto, pero hai certa conexión. A duración, por exemplo, era importante. Hoxe o Bon Odori dura dúas horas, pero antes duraba día e noite. A través da duración, o estado da mente cambia. Isto nos lembra que necesitamos tempo, como na nosa danza. A xente esqueceu iso. Agora todo é moi sinxelo e rápido.

Relación co espazo
"A danza sucede sempre en relación a un lugar, e é a través da danza que ese lugar se pode visibilizar mellor"

Estivo varias veces en Galicia, no festival En Pé de Pedra, e di que este lugar é especial para vostede. Por que?

Para min, a xente de Galicia está máis preto da natureza. Podo sentilo nos cursos, porque é coma se o traballo que eu propoño fose máis sinxelo aquí, coma se o voso corpo soubera algo.

"Non é facer algo de antemán, senón existir conxuntamente"

Na súa danza sempre está presente a improvisación. Como a entende?

Si, e tal vez é esa a razón pola que traballei con Min. De adolescente, comecei a preguntarme: Que é a vida? Como podemos facela mellor? Xa sabía que non me gustaban as organizacións fortes, pero que outro camiño podería haber? Tes que ser moi independente para poder pensar sobre isto. Cando descubrín a improvisación, sentinme moi interesada. Non se trata de facer algo de antemán, senón asumir que eu existo e ti existes, e podemos improvisar xuntos. Isto estivo moi presente cando coñecían a Min, pero xa antes me influíran varios músicos, como o guitarrista Derek Bailey. Tamén foi moi importante o concerto de nove horas ao que asistín cando tiña 16 anos, na miña cidade, e que mesturaba cousas moi tradicionais con outras vangardistas. Foi así como a improvisación veu a min.

Ás veces se relaciona o body weather coa danza buto. Que conexión hai entre eles?

Todas as persoas do noso grupo amabamos a Hijikata, pero o body weather é diferente. El nunca fixo improvisación, senón que coreografiaba cada detalle. Sen embargo, se prestas verdadeira atención, algo hai de semellante. Hijikata achegouse ao teatro Plan B para ver unha actuación da nosa compañía, Maijuku. Eu tamén vin moitas actuacións súas, e sempre me encantaron, pero nunca pensei en unirme. Parecíame imposible espirme no escenario, aínda que máis tarde o faría con Min. Cal é a conexión? É difícil diciolo, pero nós respeitamos moi profundamente o que el fixo. É importante o que significa, o que é. Amosounos moitas cousas.

Como que?

Cousas que poden chegar a parecer tolas, pero que revelan iso que vive en cada parte do corpo, que é do que trata o body weather. El non falaba dos corpos normais, e por iso admirábase con aquel can ao que lle faltaba unha perna, pero que intenta camiñar de calquera xeito. A xente pode miralo e preguntarse: que é isto? Non me refiro á forma, senón a iso que vive incluso onde algo falta. Penso que Hijikata era unha persoa realmente adulta. Non coñecín a moita xente coma el. Para min é un xenio.

Comentarios