ENTREVISTA... XISCO FEIJÓO

"Hai que ser o que a un lle dea a gana. Se non queres saír do armario, non saias"

Este bulebule de home chámase Xisco Feijoó. El canta, baila, recolle, coreografa e ensina. Toda a súa vida xira en torno á música tradicional. Tardou en decidirse a actuar pola súa conta, despois de telo feito con Carlos Núñez ou C.Tangana, que o chamou para facer o himno do RC Celta. En 2021 sacou disco e comezou a xira. Este mércores virá a Lugo
G
photo_camera Xisco Feijoó, cantareiro e bailador que pecha a xira en Lugo e Vigo. XESÚS PONTE

Ten preto dos 50 anos e decidiu que tiña que facer todo aquilo que lle aportase ilusión para aproveitar o que lle queda de vida. Por iso, a estas alturas, non hai quen o pare. Xisco Feijóo –que é de Vigo pero ten raíces paternas en Sober– optou por arriscar e por sacar fóra o pedazo de artista que leva dentro. Escolleu Lugo e Vigo para rematar a súa xira Peixe. En Lugo, actuará este mércores día 29, no Auditorio Gustavo Freire, ás  oito e media. A entrada custa 21 euros. En Vigo, será o 1 de decembro, no Teatro Afundación.

O concerto que vai dar Lugo é o penúltimo da súa xira, Peixe. Será especial?
Haberá pequenas sorpresas como a presenza de xente da cultura tradicional e do sector primario, grandes recuperadores da música tradicional con traballos de investigación.

Como por exemplo?
Branca Villares, as pandeireteiras de Cántigas e Frores, Laura Burgué (unha catalana á que lle dei clases en L'Hospitalet e que agora se veu para Baleira), Xabi Iglesias, David Vilares... O que me pasou con este rapaz foi moi curioso!

Que lle pasou?
Pois é un rapaz que foi Mister Lugo, presentador de televisión e actor que, ademais, traballaba de porteiro dun pub na Praza do Campo. Resulta que unha noite, despois da foliada do curso de música tradicional de Cántigas e Frores, rematamos na zona dos viños en Lugo e el recoñeceume e empezou a cantar cantigas dos Ancares, que lles oía aos seus avós.

Sorprende o título do seu disco e da xira, Peixe.
Fun pescar, namorar ao norte de Portugal á Serra do Xurés. Pero non saiu ben. A outra persoa negouse a facer notoria a súa condición sexual. Eu chamáballe Miñoto e tamén Peixe, porque é Piscis. E el a min chamábame Leão, porque son Leo. E a canción principal do disco está dedicada a el. Di a letra "macho, moi macho" e ninguén sabe de que vai, pero vai por el. O primeiro día todo eran flores; o segundo, as flores xa estaban murchas e o terceiro, había unha tensión tremenda porque el non paraba de pensar: "Onde me estou metendo?". E aprendín unha cousa, que hai que ser o que a un lle dea a gana de ser. Se non queres saír do armario, non saias.

Foi vostede algo Shakira?
Non, porque non hai xenreira, nin acusacións. A el encantoulle a canción, emocionouse. Temos unha boa relación aínda que non sexamos parella. Agora teño outra e vou casar. 

Sabemos que ten moitas facetas: coreógrafo, cantareiro, bailador, profesor… Veremos algo de cada un destes talentos no concerto?
Estes días publicarei no meu perfil de Instagram ideas para que o público participe no concerto. Os meus concertos son interactivos e penso que o público forma parte do espectáculo, mesmo con palmas. Céntrome tamén bastante na danza. Hai unha parte con danza contemporánea, con Fran Sieira.

E con cal destas facetas se atopa máis a gusto?
Iso é como preguntar en que tipo de lugar de descanso estás mellor. Eu diríache: pois para durmir, estou mellor na cama; para ver a tele, no sofá, e para comer, nunha cadeira. O externo e o interno incide en min.

É vostede un pouco aluado?
Si, aínda que nun 95 por cento teño un sorriso. Son patoloxicamente positivo. E digo patoloxicamente porque son portador do VIH. Pero teño moi bo luar. Todo me produce excitación para estar feliz. Ás veces, síntome canso. Pero tamén son líder, decidido, sen querelo. Ser bufón para min non é un insulto, é un orgullo.

Tardou en decidir ser músico…
Non tiña claro como enfiar unhas cousas con outras. A pandemia deume a oportunidade de empezar a sacar material. Cheguei a pensar antes en sacar un disco pero non sabía por onde empezar. E desta vez comezou a ser fácil. Comecei a dar clase aos 16 anos e despois entrei de mestre de canto popular na Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo (Etrad) e fun director de canto da orquestra SonDeSeu. Durante vintecinco anos, non me levaba a idea o de facer carreira na música aínda que colaborei con Mercedes Peón, Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, Berrogüetto ou Rodrigo Romaní.

Algún proxecto musical máis?
Penso facer algo con música gregoriana na Ribeira Sacra e quero seguir dicindo que si a aquilo que me dea a vida como se fose un adolescente. Con 50 anos véxome demasiado novo para estar anulado agardando a xubilación. Agora mesmo busco que a vida me dea ilusións.

"Nalgúns xornais, co tradutor, acabaron chamándome Pedazo ou Cachito Feijoó!"

O ano pasado fixo un videoclip no hospital de Vigo para visualizar a sida polo día mundial. Este 1 de decembro fará algo similar?
Algo farei, coincide co fin de xira en Vigo. Xa publiquei a fortuna que temos de ter medicación e que así é imposible contaxiar pero hai moita poboación, doutros países, sen acceso ao tratamento.

Custoulle contar que tiña a sida?
Dixéronmo no 2007 e, ao ano seguinte, a miña xente xa o sabía pero iso non me fai máis valente.

Foi unha liberación o videoclip?
Liberación foi cando empecei a contalo, en 2008. Eu puiden facelo porque son artista pero hai xente infectada que sente pánico a que alguén se entere por medo a perder o traballo.

De onde vén o nome de Xisco?
Eu son Francisco, pero no grupo Lembranzas Galegas onde estiven había moitos e a min chamáronme Chisco. Nalgúns xornais, ao poñer o tradutor, puxéronme Pedazo ou Cachito Feijoó! Con Chisco, todo o mundo me chamaba Chis e eu optei por poñerlle o x porque en galego dise xis e, ademais, de León para alá os x pronúncianos como o ch.

E do apelido... dinlle algo?
Se somos primos eu e o Feijóo do PP, o primo é el. Non sei, a súa familia é dos Peares e a miña, de Sober. Pero que non esqueza que diante leva o Núñez, un apelido de moitos comunistas en Galicia.

Comentarios