"Hai medo de que se poidan sacar de contexto as nosas cancións"

O grupo vigués de rock absurdo Es Un Árbol dará este venres no Club Clavicémbalo o último concerto da súa xira de despedida

David Santos, Rubén Abad, Sergio Álvarez e Borja Fernández, integrantes de Es Un Árbol. EP
photo_camera David Santos, Rubén Abad, Sergio Álvarez e Borja Fernández, integrantes de Es Un Árbol. EP

As tardes dos bares de carretera poden ser lentas e monótonas. Houbo unha na que sete persoas se xuntaron nun de Gondomar. Catro delas querían ver a película da televisión, dúas querían escoitar El fascismo es mi ley de Es Un Árbol. "Pedíronnos se podían seguir escoitando a tele, nós pedímoslle seguir tocando", conta o baixista David Santos. E así naceu un dos mantras do grupo: "Otro fracaso de Es Un Árbol".

A vida de Santos repártese entre un feixe de grupos, como Cro! e Orquesta Metamovida, e o seu traballo de investigador de acústica na Universidade de Vigo. Neste febreiro está estudando como afecta o ruído submarino aos peixes e dando os concertos de despedida de Es Un Árbol.

É unha xira de pausa porque Borja Fernández, cantante do grupo, vai estar un ano en Arxentina. "Non nos dábamos conta ata que esta semana, ao ensaiar para o concerto de Lugo, todos tivemos a sensación de: "E se é o último concerto, que?". Esperemos que non", conta Santos. Polo momento, este venres no Clavicémbalo, ás 23.00 horas, é a derredeira oportunidade para escoitar Es Un Árbol.

O grupo trata temas polémicos desde o absurdo porque ao "ser explícito, xa se pecha a idea"

No sketch El sentido de la vida dos Monty Python hai unha árbore que "fai de presentador ante un público que é o bosque. Desa absurdez pillamos o nome", conta o baixista, que o define como "un grupo de rock absurdo e de traxectoria tamén absurda".

Naceu como un trío serio e sen cantar ata que Santos, Rubén Abad e Sergio Álvarez foron ver unha función de teatro. "Alí atopamos a Borja, propuxémoslle entrar no grupo e el estaba encantado. Dende aquela xa van 15 anos", di.

Do encontro casual naceu o Villancico nazi, Bambi nuclear ou os varios himnos de países como Haití. "Non temos prexuízos cara ningún tema ou estilo, entón é sinxelo compoñer, vale todo".

Cando chegan a un ensaio empezan a "falar da semana e da vida" e cando aparece "algún tema ou frase" que lles diga algo póñense "a repetila como idiotas ata que sae un cachiño de riff e facemos probas con iso". Para esta banda, "os temas saen fácil", o tempo invírteno "en facer os arranxos".

O estilo defínese polo que denominan como 'babushkas', "meter un estilo dentro doutro"

Unha das cancións á que lle ten máis cariño Santos é a que conta a historia dun rei belga sádico, Leopoldo II. "Gústame pola letra, que é unha forma divertida de explicar a historia, e pola música, que é un clásico de "isto que estilo é?"", conta. Son un pouco "frikis" dos feitos históricos, polo que nas súas cancións abundan as referencias.

Cantar El fascismo es mi ley ou inmigrante vuelve a tu patria fai que "algunha xente se asuste" cando comezan o espectáculo. "Tratamos de non poñernos límites, porque moitas veces cando eres explícito xa estás pechando a idea", explica o baixista, que recoñece que "hai medo de que se poidan sacar de contexto as cancións".

O estilo musical defíneno como "babushkas", é dicir, introducir un tema dentro doutro. "Igual tocamos un rock e metemos un anaquiño do himno de Inglaterra ou de Rusia", di Santos.

"Máximo esforzo, mínimo rendemento" e "grupo por debaixo da liña da fama" son as outras dúas frases feitas que repetiron nestes 15 anos. "Levamos moito tempo e ata hai pouco non conseguimos ter o noso público, tamén porque fomos raros en canto ao noso circuíto", explica. Agora están no seu mellor momento, "máis compactos" e "xusto cando vén a evolución, chega o parón, outro fracaso de Es Un Árbol".

Comentarios