Guerra abierta entre los actores gallegos y las entidades públicas

Os actores galegos e as institucións públicas encargadas de xestionar os fondos que lles afectan atópanse en pé de guerra. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e Escena Galega veñen denunciando nas últimas datas unha ''escandalosa rebaixa'' nas axudas ''pola porta de atrás'' para as artes escénicas, segundo indicou o presidente de AAAG, Vicente Montoto.

Deste xeito, cualifican de ''moi grave'' unha rebaixa de 190.000 euros na axuda á que ''se comprometeron'' tanto o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, como o presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fernández Fasero. Montoto critica que a maneira na que tiveron constancia deste recorte foi mediante ''unha corrección de erros no DOG''. Por estes motivos solicitan a dimisión de ambos os dous dirixentes.

Agadic argumenta que esa rebaixa é ''consecuencia dos recortes do Goberno central'' e Fernández Fasero asume que esta institución tivo que ''romper o compromiso adquirido cos actores en decembro''. O presidente de Agadic di que o recorte foi de 160.000 euros na subvención e outros 10.000 en asociacionismo, pero esta última partida ''non afecta só aos actores. Ademais insiste en que o tesoirazo total a Cultura foi de 14 millóns e, polo tanto, ''non só se aplicou ao teatro, senón que foi para todos''.

De tódolos xeitos, Fernández Fasero recoñece que ''somos conscientes de que se quebrantou unha promesa'', pero estaban ''obrigados'' a facelo. No tocante ás peticións de dimisión, para o máximo responsable de Agadic son ''respectables''. Pola súa banda, a consellería de Cultura --a outra institución sinalada polos actores-- non quixo facer ningunha declaración ao respecto desta polémica.

Reunión conflitiva
Tras o coñecemento da rebaixa sobre o inicialmente prometido a AAAG foi convocada a unha reunión na consellería de Cultura que, segundo Fasero, logo foi trasladada á sede de Agadic. Os intérpretes manteñen que o convite foi realizado por Roberto Varela e que a súa ''sorpresa'' foi ''maiúscula'' ao constatar que o titular autonómico de Cultura non estaba presente na cita. O presidente de Agadic, pola súa banda, indica que a iniciativa de reunirse foi súa e que probablemente houbo ''unha confusión''.

Con ou sen conselleiro, nese encontro non se quitou nada en limpo. Fasero afirma que ese tesoirazo é ''irreversible'' e que ''non quedou máis remedio'' que facelo. Aínda así, sostén que as partidas para a distribución ''mantéñense''.

AAAG e Escena Galega tampouco variaron a súa postura e afirman que ''con esta actitude da Consellería de Cultura son ducias de traballadores do sector que quedarán sen traballo''. Ademais, engaden que ''ao tempo entérrase a cultura do diálogo e o acordo entre a Administración e o sector, do que a ausencia do Conselleiro na reunión por el convocada representa unha actitude de desprezo de graves consecuencias''. A pesar de todo, Montoto sinala que ''seguiremos traballando dentro das dificultades''.

Comentarios