Cinco grupos lucenses musicarán poemas de Lorca nun proxecto da Deputación

Proxecto Lorca arranca cunha conferencia de Henrique Alvarellos sobre a relación do autor granadino con Lugo, o xoves na Casa do Saber
El grupo Infrarroja. ARCHIVO
photo_camera O grupo Infrarroja. ARCHIVO

A área de Cultura da Deputación deu a coñecer a programación promovida baixo o epígrafe Proxecto Lorca, que afonda nas dúas visitas documentadas do poeta a Lugo en 1916 e 1932 e  implica cinco grupos e artistas lucenses na composición de música para cinco dos “Seis poemas galegos” do autor granadino.

O programa, que conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC), arranca  este xoves co relatorio “Os poemas galegos de García Lorca: entre Lugo e Compostela” do editor e escritor Henrique Alvarellos,  estudoso da relación do poeta granadino con Galiza, que documentou en “García Lorca en Santiago de Compostela”.

O venres, o músico Samuel Diz e o poeta e especialista en Lorca Mario Hernández  colaborarán nunha ponencia  sobre “A universalidade da obra de Federico García Lorca dende unha óptica interdisciplinar: un diálogo entre a música, a  literatura e os debuxos”.

Finalmente, o 18 de decembro, os grupos e músicos lucenses que participan no proxecto presentarán composicións inéditas sobre os versos de Lorca. Noelia Geada e David Taboada musicarán “Cantiga do neno da tenda”, Sara Nebra, “Danza da lúa en Santiago”, a banda indie orixinaria de Lugo Infrarroja poralle música a “Romance da Nosa Señora da Barca”; os músicos Quique Muruáis e Luis Monsalve comporán sobre “Nouturno do adolescente morto”; mentras que o dúo Condensadores de Fluzo acompañarán os versos de “Canción de cuna para Rosaía de Castro, morta”.

O repertorio da presentación completarase coa interpretación de “Chove en Santiago” de Carlos Díaz, cunha melodía xa estreada e composta pola Compañía de Teatro USC Lugo.

As actividades desenvolveranse na Casa do Saber, ás 20:30 horas, cun aforo limitado polos protocolos sanitarios para previr o contaxio da Covid 19. Para asistir as actividades cómpre anotarse a través do correo [email protected], facilitando o nome completo da persoa asistente, o seu DNI e contacto.  Ademais, as presentacións serán retransmitidas en streaming.

Comentarios