O Grupo Doxa saca un libro "para quitar o pensamento do ámbito académico"

'Filosofía en plural' é unha escolla de artigos de El Progreso ► A política e a educación son os temas máis tratados

Logo do Grupo Doxa de Filosofía.
photo_camera Logo do Grupo Doxa de Filosofía.

O grupo de pensamento Doxa recompila 200 artigos con análises da actualidade que foron publicados en El Progreso en Filosofía en plural (Deputación de Lugo). O volume é unha escolla das colaboracións semanais que o colectivo vén facendo con este diario dende 2012.

O seu obxetivo é "quitar o pensamento do ámbito académico", tal e como indica o coordenador de Doxa, Juan Carlos Fernández Naveiro. Ese interese cadra co do xornal lugués no sentido que expón o seu director, Lois Caeiro, no prólogo.

"Desde a responsabilidade periodística só nos correspondía abrirlles as páxinas de El Progreso para que a reflexión, a análise ou a proclama de quen teñen por vocación e oficio pensar encontre espacio máis alá da aula e sirva máis amplamente á sociedade", destaca o responsable deste xornal.

Os textos figuran organizados en cinco categorías –Filosofía, Educación, Políticas, Cultura e Antropoética–. O coordenador de Doxa explica que unha característica das columnas que asinan as dez persoas que participan no libro é que son «dispares», como ben reflicte o título da obra.

Recoñece que a política e a educación son os dous campos que máis trataron. Naveiro explica que case todos eles son profesores de Filosofía, unha asignatura "que sufriu" coa regulación educativa da Lomce. "Os textos recollidos cadran coa entrada en vigor desa lei", indica.

CATEGORÍA. O coordenador advirte de que "non foi fácil" atribuír o contido de cada artigo a unha categoría porque había algúns "que poderían entrar nunha ou noutra, aínda que os de Educación eran bastante claros".

"Mesmo habíaos que eran crítica cultural, polo que inventamos a categoría Antropoética para recoller artigos que se escribiron ao fío das lecturas que estabamos facendo; era como un diario de lecturas", argumenta Fernández Naveiro.

O representante da agrupación de pensadores sinala que "a finalidade do libro era que quedase un obxecto que sexa unha mostra do traballo realizado, aínda que podería dar para tres libros". O presidente da Red Española de Filosofía, Antonio Campillo, afonda nesta idea no seu epílogo cando escribe que Filosofía en plural é "un compendio de la sabiduría colectiva de un grupo de profesores de filosofía, de ciudadanos gallegos, que merece la pena ser leído, discutido y conservado como un generoso legado".

Comentarios