martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

Grande Amore: "Gústannos as guitarras e bailar coa Panorama"

Grande Amore. JANITE
Grande Amore. JANITE
O artista do Valadouro Nuno Pico lanza o venres o seu primeiro álbum, con 9 cancións

Grande Amore, alcume de Nuno Pico, sabe que non se pode facer famoso en Italia. A maiores de participar no quinteto Oh! Ayatolah e dende febreiro no dúo Los Rastreadores, empezou a compoñer en solitario. "Non tiña nome. Son moi malo poñendo nomes. Non sei como vou facer cando teña un fillo. Bah!, Que decida a nai!".

O nome apareceu cando Nuno estaba despistado. "Ceaba no China Ming de Santiago cando apareceu un rapaz cunha suadeira que poñía Grande amore. Pareceume un bo nome, pero non sabía se o tiña collido alguén. Atopei que era unha canción duns italianos que se chaman Il Volo. Espero que non saiban de min", bromea.

Grande amore, o debut discográfico de Grande Amore está condicionado pola pandemia. En prazos e en contidos. "Atopeime na dúbida de sacalo ou non". Por unha banda, prefería retrasalo ata o final da pandemia porque non podería dar concertos. Por outra, non quería deixar pasar moito tempo entre a composición e a publicación "porque dentro de seis meses ou dun ano ese disco non me ía representar, xa non tería nada que ver comigo. Son moi inquieto".

Esta identificación é importante porque o longa duración que presenta o venres ten unhas letras máis persoais que as dos outros proxectos seus. O primeiro disco de Grande Amore publícase este venres con nove temas que suman máis de trinta minutos de música. Nuno Pico debuta cun álbum no que recolle os tres sinxelos que lanzou dende principios deste ano: Vémonos no baño (febreiro), Esta pena que a veces teño (marzo) e Vamos enchernos (e vamos falar de cousas) (abril).

Saco o disco agora porque dentro de seis meses non me vai representar, non terá nada que ver comigo

O son de Grande Amore está influído por música dos 80, como Joy Division e o dúo alemán de tecno Deutsch Amerikanische Freundschaft (DAF). "Coñecín a DAF grazas ao productor do disco, Hevi. Sorprendeume o que fan cun bombo e un baixo secuenciado. O resto dálles igual".

Esas influencias están presentes en Perdón por ser tan sexy, desesperación existencial en clave sintética en Esta pena que a veces teño, mentres que o rock psicodélico e más experimental impregna Tou pensando en falarche. Outros temas reflexan a rabia polo encerro a causa da pandemia, Vémonos no baño, e a autoparódica Non sei cantar.

Os temas de Grande Amore están interpretados en galego con todos os xiros do dialecto mariñán —digo faigo e non fago— porque lle parece importante que se saiba de onde vén. "Gústame que as letras reflictan a miña forma de falar, hai un valor de verdade, de cercanía".

Nuno Pico aplica ese principio a toda a súa representación artística. O videoclip de Vémonos no baño foi gravado nunha gasolineira abandonada do Valadouro. "Cando eramos rapaces iamos en bicicleta ata esa estación de servizo. Gústame dos rapeiros que nos vídeos amosan a súa casa, o seu barrio. Eu quería que se vise esa gasolineira porque ten que ver comigo, ao igual que o patido do colexio de Ferreira, onde estudei, e o campo de fútbol do Árbol. Quería que se visen os cinco aros olímpicos dese campo porque iso é historia de España", apunta rindo.

Con doce anos deixou de frecuentar esa gasolineira, ese colexio e ese campo porque marchou vivir a Burela. Agora vive en Santiago, onde acaba Comunicación Audiovisual e traballa nun bar a maiores de producir os concertos de Ortiga, a sinatura musical de Chicho.

Nuno Pico e Chicho teñen outro son, máis cercano á verbena, e seudónimo conxunto, Los Rastreadores. Será por nomes. "A miña xeración diferénciase da anterior en que nos gusta a música anglosaxona, de guitarra, e bailar coa Panorama ou a París de Noia", apunta o rapaz que debutou na banda municipal de Burela.

Grande Amore: "Gústannos as guitarras e bailar coa Panorama"
Comentarios