jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

O gran poema de Tino de Féliz

Constantino Bértolo, en Navia. EP
Constantino Bértolo, en Navia. EP
O prestixioso editor Constantino Bértolo asina co nome da súa infancia un libro dedicado á súa terra natal, Navia, que percorre co alento dunha lingua que se quere comunal e namorada

Despois de sufrir un infarto que lle fixo poñer un pé no outro lado, Constantino Bértolo viviu un deses momentos "nos que é case inevitable, ademais de deixar de fumar, contar a vida, abrir o libro de contas e enfrontarse ás páxinas do haber e do deber", di. E a primeira palabra pronunciada, coma un neno que balbuce, foi Navia. Coa madurez que sabe do amor perdido: Navia. Coma quen por fin o atopa e é atopado: Navia.

A editorial Chan da Pólvora, dirixida por Antón Lopo, vén de editar O gran poema, o libro no que Bértolo cumpre ese deber "coas miñas orixes, co meu pobo, cos meus mortos". Por iso, o nome co que asina o poemario quen foi un dos editores máis prestixiados do contexto europeo é o de Tino de Féliz, o nome co que foi coñecido durante a súa infancia e adolescencia en A Proba de Navia, a vila onde naceu en 1946. "Aínda que o rexistro civil di que nacín en Lugo, aseguroume miña nai, entre bromas, que fun enxendrado durante uns entroidos en Navia, e por iso considérome nado en Navia, onde tamén me bautizaron", matiza.

"No comezo foi o lume o estrondo o quebranto o raio/ transparente/ Entón aconteceu o mundo inevitable". Así comeza O gran poema. Se o desfribrilador lle permitiu comezar de novo, o mundo tiña que ser tamén de novo contado e cantado: "O meu canto é un abrir os ollos e nacer de novo nai pai pan/ auga Navia A lingua é o tacto namorado Fainos abrollo", escribe xa andadas as páxinas.

Constantino Bértolo, que foi unha das voces recollidas na agora lendaria Antología de la poesía Joven Española do ano 1967, non volveu publicar poesía até agora. Di que as musas o abandonaron daquela e que, como bo fillo da súa xeración, "a política, a militancia comunista ata hoxe e a intención de transformar o mundo me levaron, mantendo o interese e as preocupacións culturais, cara outros cursos máis prosaicos: a crítica cultural, a edición literaria", polo que é sobradamente recoñecido como o director editorial de Debate.

VOLTA Á POESÍA. Porén, a lingua que recuperou para axustar a pronunciación desa invocación a Navia foi a da poesía, ese "tacto namorado", coma di no poema. Recordar foi fiel á súa etimoloxía de pasar polo corazón. Por el flúen os nomes e corren coma versos trenzados nas augas do río: "De Barcia a Proba Faquís Vilarpandín Vilaquinte Becerral Prebello Emberballas Trabadelo Traserra Vilaverde Son Vallo Queizán Vilares Vilela Marcelín". A súa voz percorre topónimos e microtopónimos con ese "estraño pracer de nomear, semellante a cando repites en voz alta o nome da amada ou amado, coma se ao nomear eses lugares, esas montañas, esas árbores ou esas aves ti as estiveses creando", conta.

"Imaxino perfectamente a Adán e Eva sentíndose por encima do autoritario Yahvé cando nomearon o mundo. Tamén tivera un soño no que vin perfectamente como eses lugares e aldeas do concello de Navia se creaban a partir dun desprendemento ou caída austral, e quixen recuperar ese sentimento fundacional", engade.

Nese sentimento está a épica de O gran poema, nunha tradición, a da poesía galega, que tantas veces ten rozado o comunal na lírica. Constantino Bértolo nace con este libro nesa tradición, nesa lingua que descubriu que tiña "agochada no oído", a "lingua de fondo" da súa Navia natal, "lingua nas tabernas, non nos cafés; na cociña, mais non no comedor", acorde con ese Gran Poema que renunciou a un título que continuaría entre parénteses "dun pequeno lugar" por non desvelar a ironía. A épica dun gran de centeo ou a de todo o pobo bailando na praza.

O poema fala en voz alta, para que a terra o escoite. Poesía oral e tectónica, coma a do chileno Raúl Zurita, coa que se opón a uns "tempos nos que falar en voz alta preténdese entender como un xesto de autoritarismo, como se a única lexitimidade residise no murmurio e nas confidencias entre cómplices", di. De aí tamén a volta á lingua galega "non como saudade e si como necesidade", pois para Bértolo "en Galicia esa conciencia da lingua como identidade e lugar de encontro está presente dun xeito moi forte". undefined

Quixo o seu nome da infancia só mudar o aceno un pouco da felicidade, Féliz. Quixo el nun libro no que, seguindo un verso, "todo é deleite e desmesura", reivindicar a alegría, "aínda que esta vida na que vivimos sometidos á competitividade e á autoexplotación non nos deixe moito espazo. A alegría como resistencia, como combate, a danza como arma cargada de futuro. Sempre pensei que un pobo feliz é un pobo que baila", di.

"Como campá soa o poema. Chámanos para facer veciñanza". di un verso. Para iso naceu o libro, di, "e serán as xentes de Navia as que digan a última palabra". Coma o río corre, transparente, coma as augas do Ser. "Ter no concello un río con ese nome é un privilexio que non valoramos ben. Hai aí toda unha metafísica, unha metáfora existencial, unha presenza simbólica de primeira orde", defende. Coma o poema. Coma a danza. Coma o amor. "Obra en min Navia acontéceme faime e desfaime érgueme de novo", di a lingua namorada.

Unha homenaxe a persoas e lugares
O libro está dedicado á memoria de Xesús de Perico, José Díaz Morodo e Juan Seijo, "persoas que foron para min exemplo de dignidade nos indignos e mesquiños tempos do franquismo", di.
E tamén está dedicado a un lugar, o H-3, ese bar e restaurante ao pé do río na Proba, onde Bértolo gosta de ver "o río que nos trae, o río que nos leva", en palabras de Toño Núñez.

O gran poema de Tino de Féliz
Comentarios